Novas
8 DE MARZO DÍA DA MULLER TRABALLADORA
Dende o Concello de Vilasantar queremos celebrar este 8 de marzo “Día internacional da Muller Traballadora” co anuncio da elaboración dun novo Plan Municipal de igualdade de mulleres e homes do Concello de Vilasantar. Este será un documento que responda ao serio compromiso deste equipo de goberno municipal na súa aposta firme pola creación dun marco social, onde se promova un novo modelo de convivencia compartida cara unha sociedade máis equitativa para todas e todos.
Este é un plan que implicará a orientación de todas as políticas municipais cara a ruptura da situación social de desigualdade que tradicionalmente padeceron as mulleres ao longo dos anos, e que minguou o desenvolvementos dos seus potenciais.
Así pois, dende este equipo, pretendemos contribuír a que a igualdade sexa algo máis que o seu principio regulador. O noso obxectivo é que a igualdade sexa finalmente unha realidade cotiá e visible, da que nos podemos beneficiar todas e todos os cidadáns deste Concello e a partir da cal podemos afianzar modelos de convivencia máis equitativos.