igualdade, Novas
? Manifesto do Concello de Vilasantar polo Día Internacional da Muller ?
Dende fai anos, cada 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres pola igualdade real de xéneros, pola súa liberdade para desenvolverse como persoas individuais e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, a economía e a política. Un ano máis, o Concello de Vilasantar celebra cada avance en prol da igualdade entre homes e mulleres e nos comprometemos a seguir traballando para facela posible.
O Día Internacional da Muller é unha xornada para festexar todo o camiño percorrido, todos os avances logrados, pero tamén para fixar novos obxectivos que faciliten esa tan ansiada igualdade real. Somos moi conscientes de que o esforzo das mulleres por reivindicar o seu valioso rol nos espazos públicos e privados debe ir da man do esforzo institucional, e na administración local contan cunha aliada incondicional. Non en balde, das 29 persoas que conforman o persoal do noso concello, 26 son mulleres.
Vilasantar é un concello rural, onde as mulleres son un piar fundamental en cada faceta. Nos traballos da agricultura e gandaría, nas empresas, nos coidados, na educación, na administración, en cada unha das nosas casas… As mulleres son o sostén da sociedade e é o noso deber apoialas en cada emprenda que acometan.
A loita pola igualdade real entre homes e mulleres é cousa de todos e todas, e o Concello de Vilasantar, como entidade local e máis próxima a cada familia, porá todo da súa parte para lograr acabar con cada discriminación e desigualdade e gozar dunha sociedade na que cada muller e cada home, cada nena e cada neno, teñan as mesmas oportunidades.
Hoxe, 8 de marzo de 2023, e cada día de cada ano, dende o Concello de Vilasantar loitaremos pola igualdade e apoiaremos ás nosas mulleres e nenas no camiño que percorremos todas e todos da man.