O batán de Mezonzo
Atopámonos antes un enclave dun gran valor etnográfico e natural. Trátase dun conxunto de muíños, un batán e un serradoiro, que discorre ó longo do río das Gándaras. É un eido no que se explotaban os recursos naturais, aproveitaban a forza da auga para batelos tecidos, a pre-industria hidráulica.
O batán é un aparello de madeira, construído xeralmente no curso da auga, que consta duns mazos que ó se mover alternativamente pola acción da auga, van batendo os tecidos fabricados nos teares para desengraxalos e que entupan.
O batán forma parte dun conxunto de construcións, entre as que se atopa tamén un muíño e un antigo mazadoiro de liño.
Durante o período clásico, tanto gregos como romanos, xa pisaban os tecidos, dado que non se descoñecía o sistema mecánico. Durante a época romana o pano poñíase en maceración en grandes cubas, nunha mistura de arxila espacial para abatanar, potasa (cinza vexetal) e ouriños humanos. Os operarios apisoaban o pano durante horas ou incluso días. Esta labor chamábase apisoamento “a sangue”, xa que se necesitaba da forza humana. Non será ata a Idade Media cando apareza o batán mecánico en Europa, nos séculos XI-XII, sábese da existencia deles tanto en Francia como en Alemaña. A primeira referencia que se ten en España data do século XII, nun documento do 17 de xuño de 1166, preto de Xirona. Será neste momento cando comecen a espallarse polo resto do territorio peninsular.
O batán de Mezonzo atópase no lugar do Batán/Priorato na parroquia de Santa de Mezonzo. Sitúase nun forte salto de auga que se forma no río das Gándaras, moi próximo á desembocadura no Tambre.
Os batáns, igual cos muíños, podían ser comunais (con varios propietarios) ou privados, neste caso trátase dun batán de propiedade privada. Pertence á familia Mahía Pardo, coñecidos coma “Os Bataneiros de Sandá”.
A historia do batán está vencellada ó mosteiro de Mezonzo que data de finais do século XII, crese que foron os propios monxes os que o construíron, de ser así sería un dos máis antigos da península. Estivo en funcionamento ata o ano 1954.
Funcionaba dende o mes de febreiro ata xuño, durante o inverno non se podía usar xa que resultaba moi complicado secalos cobertores/mantas. No ano 2001 a Deputación da Coruña rehabilitou o edificio e algunhas das pezas da maquinaria.
O batán non se usa para o liño, tan só para tecido en la, cobertores. Cando se levan ó batan, métense 6 mantas nunha cuba durante 24-30 horas, cada 3-5 horas había que vixialas para que non se pegaran, secalas, estiralas e volvelas meter. As mantas encollían ata un 50%.