Novas
Declaración institucional FEGAMP: 25-N | Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller
Conmemoramos o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres tendo coñecemento dunha nova muller asasinada pola súa exparella en Baiona. Condenamos este novo crime e queremos achegar o noso apoio e solidariedade á familia da vítima, ao tempo que confiamos en que o asasino sexa xulgado o máis cedo posible.
Os concellos e as deputacións somos conscientes da urxencia para conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario.
Como parte activa da nosa sociedade compartimos ese compromiso, como parte do esforzo colectivo imprescindible que ten que transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e acción negacionistas. Desgraciadamente e a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.
A condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia teñen que reforzarse, dende o compromiso activo que poña fin a esas actitudes patriarcais.
1.284 mulleres asasinadas por homes que eran ou foron as súas parellas dende 2023. 40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Unha sociedade democrática e de dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.
Violencia na que homes non só acosan, feren ou matan a mulleres: violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata, violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas para facer aínda máis dano ás súas nais, violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual; ademais da cousificación das mulleres na pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado dende móbiles, tabletas e ordenadores; prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais…
Non podemos obviar a violencia que padecen as mulleres de países en situacións de regresión cultural e social, nos que os integrismos relixiosos ademais lles privan dos seus dereitos e liberdades fundamentais, como en Afganistán, onde as mulleres están recluídas nas súas casas, sen acceso á educación, ao traballo nin a ningunha relación social. Tamén en sociedades occidentais as mulleres que deciden abortar son acosadas e criminalizadas por extremistas que din defender a vida.
Nin as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Estas atrocidades deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación.
Por iso tamén temos que salientar a directiva europea sobre a loita contra a violencia contra as mulleres, que establece medidas para combater a violencia machista e garantir o acceso á xustiza e a protección ás vítimas, obrigando aos Estados membros a reforzar os servizos de atención e apoio, a que aseguren unha axeitada resposta penal tipificando novos delitos como o ciberacoso, e a que promovan a cooperación transfronteiriza para evitar desprotección. Urxe que se inicie a transposición desta Directiva ao noso ordenamento xurídico e normativo en reforzo da atención e a protección ás mulleres vítimas.
Todas as administracións, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, os concellos e as deputacións, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención.
Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) tamén reforzamos o noso compromiso de loita contra a violencia machista, promovendo máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades.
Dende o municipalismo galego facemos un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.
Novas
Manifesto da FEGAMP polo Día mundial da infancia | 20 de novembro
Hoxe, en todo o mundo e en España, os nenos, nenas e adolescentes están a sufrir actos de violencia en todas as etapas da súa infancia e nos seus contornos máis cotiás, e moitas veces a mans de persoas de confianza ou que teñen o deber de educalos, crialos e protexelos. A ameaza é aínda maior para as nenas, as adolescentes, aquelas persoas con algunha discapacidade e quen se atopa en zonas de conflito.
O Consello de Europa estima que 1 de cada 5 nenos e nenas sufrirá abuso sexual antes de cumprir 18 anos. Do mesmo xeito, as estatísticas en España revelan que entre o 83% e o 91% dos nenos, nenas e adolescentes sofren actos de violencia en diversas etapas da súa infancia e en múltiples contornos. Igualmente, o informe sobre o “Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia” sinala que 1 de cada 3 rapaces pode estar sendo vítima de acosos escolar. A pesar disto, menos do 10% das situacións de violencia é denunciada e/ou notificada.
O dano que produce a violencia contra a infancia pode afectar ao longo de toda a vida do neno ou nena e en varias dimensións, tanto cognitiva, como física ou emocional. Por iso, é fundamental chegar antes de que o dito dano se produza.
O Día Mundial da Infancia 2024 é un día de acción para, con e polos nenos, nenas e adolescentes. O día para conmemorar a adopción da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), o 20 de novembro, nesta ocasión centrado en promover un compromiso de todos os actores, incluída a infancia, para que nenos, nenas e adolescentes vivan en contornos seguros e protectores libres de violencia. Un chamamento ao que se suma a FEGAMP, xunto con UNICEF España e UNICEF Comité Galicia, xa que todos e todas “Somos Infancia”.
Este 2024, promovamos que o Día da Infancia sirva para reivindicar e focalizaras accións de protección fronte á violencia cara a prevención, chegando antes que o dano se produza, e involucrando como axentes activos na súa propia protección aos propios, nenos, nenas e adolescentes, porque tal e como eles e elas nos recordan, #somosinfancia. Son hoxe, son cidadánse cidadás de pleno dereito e co dereito a vivir sen violencia.
Os nenos, nenas e adolescentes teñen o dereito a participar, aportando ideas e propostas sobre os temas que lles afectan, colaborando cos adultos na construción de espazos seguros e protectores. A protección fronte á violencia é unha das principais preocupacións que eles teñen actualmente. Por iso, contribúen a solucionala aportando ideas e propostas desde os espazos de participación a nivel local. Por isto, para avanzar na prevención da violencia:
- Para o pleno desenvolvemento da infancia, requírese, entre outros, a realización do Artigo 19 da Convención sobre os Dereitos do Neno. Polo tanto, comprometémonos a impulsar todas as medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas apropiadas para protexer á infancia contra toda forma de prexuízo ou abuso físico ou mental, descoido ou trato neglixente, malos tratos ou explotación, incluído o abuso sexual, mentres o neno se atope baixo a custodia dos pais, dun representante legal ou de calquera outra persoa que o teña ao seu cargo.
- Avanzaremos na posta en marcha a nivel local da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.
- Como administración máis próxima á infancia e adolescencia, comprometémonos a sensibilizar, formar, establecer espazos comunitarios, involucrar a nenos, nenas e adolescentes, familias e coidadores e cidadanía en xeral na prevención da violencia.
- Impulsaremos a realización de actividades deportivas, culturais, educativas, de lecer e tempo libre, dirixidas á infancia, asegurando contar nelas coas políticas de salvagarda axeitadas.
- Aseguraremos que os profesionais de servizos sociais, infancia, deportes, educación, saúde, corpos e forzas de seguridadelocais, cultura, etc. realizan accións coa infancia, nas cales poden detectar posibles casos de risco de violencia e contan coa formación e ferramentas adecuadas para abordar estes posibles casos.
- Aseguraremos que os nenos, nenas e adolescentes, como axentes de pleno dereito, en función da súa idade e desenvolvemento, reciban información e formación para autoprotexerse e protexer aos seus pares ante posibles casos de violencia e que se lles ten en conta á hora de aportar propostas vinculadas coa prevención da violencia.
- Proveeremos ás familias, pais, nais e coidadores, ferramentas e apoio en diferentes etapas da crianza, para o exercicio das súas funcións parentais.
- Realizaremos campañas dirixidas á nosa poboación local que contribúan a superar a, nalgúns casos, visión social permisiva ante certos tipos de violencias contra a infancia.
Asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento. Os desafíos aos que se enfrontan requiren de respostas coordinadas e escaladas, a nivel global, nacional, autonómico e local. Respostas que conten sempre coa súa participación. Por isto, nun Estado como o noso, que ratificou a Convención sobre os Dereitos doNeno en 1990, é fundamental o compromiso e o investimento que fan todas as administracións públicas, no noso caso, os gobernos locais.
Dende a FEGAMP non somos alleos a esta realidade. Por isto, comprometémonos coa promoción dun maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignan os recursos necesarios para avanzar na protección da infancia contra todo tipo de violencia, e adoptar modelos de traballo para a prevención da violencia contra a infancia a nivel local, propostos por entidades como UNICEF España.
Con esta declaración a Comisión Executiva da FEGAMP, manifesta o compromiso no marco do Día Mundial da Infancia de 2024.
Novas
Declaración institucional FEGAMP – Solidariedade e apoio á veciñanza e concellos afectados pola DINA
A consternación continúa nas entidades locais galegas pola catástrofe provocada nas provincias de Albacete, Cuenca, Málaga e, sobre todo, Valencia, pola recente Depresión Illada en Niveis Altos – DINA. Os seus efectos arrasaron numerosas localidades, provocando una situación de total de
destrución.
A perda de vidas humanas como consecuencia das riadas está a supoñer unha traxedia inédita no noso país, superando amplamente as duascentas vítimas, e aínda poden ser máis, xa que continúan desaparecidas decenas de persoas. Fronte a esa inmensa situación de emerxencia, na primeira liña de intervención, no rescate e auxilio das vítimas, estiveron os servizos de protección civil e emerxencias, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os propios concellos afectados, como administración máis próxima, tentando evitar unha desgracia aínda maior.
Inmediatamente, toda as administracións, dende o Goberno de España, Generalitat Valenciana, deputacións e concellos próximos, interviñeron co obxectivo de atender e apoiar á veciñanza afectada nas situacións máis graves e, sobre todo, na busca das persoas desaparecidas. Unha vez máis, hai que destacar o compromiso solidario e voluntario de todas as persoas que tamén, dende o primeiro momento, están a achegar a súa colaboración en todas as tarefas de limpeza e apoio á veciñanza afectada. Ten que ser un motivo de orgullo.
Dende que se tiveron as primeiras informacións da catástrofe, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) contactou coas federacións homólogas da Comunitat Valenciana e de Castilla La Mancha, para achegarlles a nosa solidariedade e poñernos á súa disposición no que puideramos colaborar.
Ao mesmo tempo, contactouse coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para coordinar a información e as comunicacións aos concellos e deputacións galegas sobre as necesidades de apoio que se estaban a solicitar dende as institucións e os concellos afectados.
Tamén en Galicia procedemos a coordinarnos coa Delegación do Goberno e co goberno da Xunta de Galicia, tendo solicitada a xuntanza de coordinación que finalmente se celebrou o pasado sábado 2 de novembro, na que se priorizou recadar todo o apoio posible, tanto de persoal como de recursos materiais e loxísticos, dos concellos e deputacións con servizos de emerxencias e grupos de
emerxencias supramunicipais (GES).
Paralelamente e dende o primeiro momento, os concellos e as deputacións galegas promoveron a recollida solidaria de alimentos, roupa, materiais de limpeza persoal e doméstica, cuxo envío ás zonas afectadas está tamén a ser coordinado, atendendo as indicacións recibidas principalmente dende a
Federación Valenciana de Municipios y Provincias (FVMP).
A situación nos concellos afectados continúa sendo moi difícil, polo que resulta imprescindible continuar cos dispositivos de solidariedade coordinada nos que FEGAMP estamos a intervir, directamente coa FVMP, e en coordinación coa FEMP, coa Xunta de Galicia e coa Delegación do Goberno en Galicia. Deste xeito, o municipalismo galego vai manter o seu apoio aos concellos afectados e ás súas veciñanzas.
Dende a Comisión Executiva da FEGAMP quérese destacar a unidade de todos e todas diante desta catástrofe, avaliando o traballo dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias. A FEGAMP tamén quere salientar o compromiso das persoas voluntarias desprazadas ata as zonas afectadas para axudar en todo o necesario, con especial mención ao persoal de emerxencias desprazado dende Galicia.
Por último, A FEGAMP reitera a súa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas damnificadas e aos concellos afectados.