Axudas
PROGRAMA INICIATIVA XOVE 2023 (BS306B)
¿QUE É ?
Son axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas como proxectos liderados pola mocidade da comunidade autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2023 e nas cales as persoas novas participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
BENEFICIARIOS:
a) Os grupos informais de entre 5 e 8 persoas mozas, debidamente identificadas, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral
de Xuventude, Participación e Voluntariado.
CONTÍA:
Finánciase o 100% do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior a 5.000 euros.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:
Ata o día 1 de marzo de 2023
ÁREAS DE ATENCIÓN PRIORITARIA:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.
c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade das persoas mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.
h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
GASTOS SUBVENCIONABLES:
- Consideraranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2023.
- Os gastos ordinarios de funcionamento das entidades só serán subvencionables cando estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.
- O importe total de gastos de manutención, como as comidas, os servizos de restauración ou a compra de produtos alimenticios, non poderá superar o dez por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deberán estar vinculados de xeito inequívoco coa actividade que se subvenciona e realizados durante a súa execución material.
Resolución publicada no DOG do día 1-02-2023, n.o 22. Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023.
OMIX Vilasantar.