SANTA MARÍA DE MEZONZO
Historia
Na actualidade funciona como igrexa parroquial, pero formou parte dun mosteiro. A primeira referencia é do ano 930, segundo Pérez de Urbel. Neste momento era un mosteiro con dúas igrexas adicadas a San Pedro e Santa María, de propiedade rexia, pola que o abade Reterico pagaba un censo ao rei Alfonso.
A Reterico sucedeulle o seu sobriño Fulgaredo. Da súa época consérvase un pacto no que os monxes e monxas comprometíanse ao cumprimento dunha vida monacal baixo a súa autoridade. Este documento indica que se trataba dunha comunidade dúplice.
No ano 955 o abade Gundesindo, neto de Reterico, entregoullo ao bispo Sisnando III e o seu pai, o conde Hermenegildo, a cambio da igrexa de Dilatáns. Tres anos despois, Ordoño IV doou a igrexa de Mezonzo ao mosteiro de Sobrado dos Monxes.
En Mezonzo profesou o santo galego Pedro Martinez, quen tomou o nome desa comunidade. No ano 1157 aparece a primeira mención a Mezonzo como Priorato de Sobrado. En 1183, cando Fernando II confirma a xurisdición das propiedades de Sobrado, inclúe o Mosteiro de Mezonzo e o seu coto.
No ano 1199, no testamento de Urraca Fernández de Traba, concédense 30 soldos e unha egua para a obra da igrexa. No ano 1498, coa reforma dos Reis Católicos, suprimiuse o de Mezonzo e pasou a ser un Priorato de Pinario. O 3 de Xuño de 1931 declarouse Monumento Histórico Artístico.
Arquitectura
A igrexa ten planta basilical, con tres naves remadas en tres ábsidas semicirculares, precedidos dun tramo recto. As naves están divididas en tres tramos por piares de sección cruciforme. A cabeceira encóntrase elevada varios metros con respecto á nave.
As tres capelas teñen a mesma organización, aínda que adaptada ás diferentes dimensións. En cada treito da capela maior e nun dos laterais ábrense un total de cinco saeteiras abucinadas. No exterior, o cerre superior faise cun arco monolítico con liñas incisas.
A saeteira central está doelada. As ventás central e setentrional da capela maior están máis ornamentadas con motivos variados: esferas, grupo de bolas, flores… Os capiteis adórnanse, a excepción dun, cun único orden de follas apuntadas. O capitel meridional da ventá central ten unha ave en cada cara. Dispóñense de lombos, pero tócanse coas puntas das colas e coas cabezas.
Na capela maior hai unha cornixa cunha sucesión de arcos de medio punto, sostidos por caneciños; nas capelas laterais, cobixas. Na capela maior o tramo recto ten maior altura que o hemiciclo. A grande diferencia de nivel permite abrir un gran rosetón composto por un circulo central lobulado do que se abren outros oito que alternan os círculos lobulados, mentres que outros son alargados con remate trilobulado.
O óculo esta rodeado por unha moldura cunha media caña e varias incisións. As fachadas laterais, aínda que presentan diferencias, comparten unha serie de características. Divídense en tres tramos mediante catro contrafortes. No tramo central, flanqueadas polos contrafortes centrais, ábrense as portadas. O aleiro só se conserva nos tramos central e oriental.
O acceso meridional componse de dous arquivoltas semicirculares sobre parellas de columnas que descansas sobre zócalos, cunha ornamentación coidada. Os capitais vexetais comparten o esquema compositivo da cabeceira, pero con detalles decorativos.
A portada norte difire da decoración da cabeceira e da porta sur. Os soportes son máis estilizados porque non hai zócalo. Os seus fustes son lisos, dous deles monolíticos e os outros dous de dúas pezas. Un dos soportes é de mármore, xunto cun capitel marmóreo reutilizado como pila de auga bendita. Son as únicas pezas do edificio realizadas nese material e pertencen a unha igrexa prerrománica anterior.
A fachada occidental sufriu varias reformas. Na actualidade o imafronte presenta tres contrafortes: un moi contundente desprazado ao norte, que reforza a unión do muro lateral; e dous na parte central, que dividen en tres rúas o seu fronte e traducen ao exterior a organización interna en tres naves.
A portada é a única que ten tres arquivoltas. A maioría das bases e capiteis son froito dunha reforma posterior na que se tentou manter o concepto de porta románica, reutilizando pezas orixinais e tallando outras novas. A cesta exterior da xamba meridional é o único capitel románico desta porta. Trátase dunha porta reutilizada. O resto de elementos que poderían ser románicos son as cimatas e as tres arquivoltas.
O arco interno ten as arestas buceladas. No interior, as capelas cóbrense cunha bóveda de forno no hemiciclo e cunha bóveda de canón apuntada no tramo recto que as antecede. Dada a diferencia de alturas, no interior ábrese, na capela maior, o gran rosetón descrito no exterior. O acceso ás capelas realízase a través dun arco triunfal lixeiramente apuntado, dobrado e de sección prismática. Todos os capiteis son vexetais, repítense os modelos de follas estilizadas que aparecen na cabeceira.
O acceso a cada hemiciclo prodúcese cun arco de faxón. No hemiciclo da capela maior ábrense tres saeteiras cerradas por xanelas. Na clave do vano central hai tallada unha cruz inscrita. O corpo de naves divídese en tres tramos mediante piares cruciformes con columnas apegadas a cada cara.
Nestes soportes cargan os arcos formeiros, separadores das naves. Todos os arcos da nave son apuntados coas doelas en aresta. Na nave, a iluminación realízase dun rosetón do tramo recto da ábsida maior e de nove xanelas, dúas abertas sobre os arcos de acceso as capelas laterais, unha no cerre occidental e seis saeteiras situadas dun modo irregular nos muros laterais.
O capitel do soporte que está entre as capelas central e meridional é o único do interior con decoración exclusivamente animal. Conta con catro leóns, dous afrontados na cara maior e un en cada cara lateral. O outro capitel apegado a cabeceira é de tipo vexetal de follas apuntadas. As bases de ambas columnas resólvense con decorativismo e plasticidade. Ten festóns en zigzag.
As dúas columnas apegadas aos muros laterais álzanse sobre alto banco de fábrica con aresta abucelada. Nunha das doelas consérvase unha inscrición: CENSI RERI VERBO FEUT SALIS. O tipo de aleiro usado na ábsida central recorda a exemplos temperáns no románico galego. Os dinteis lobulados son frecuentes en igrexas do finais do século XII.
SANTUARIO DE SANTA MARÍA DA LAXE
Historia
Os primeiros datos que coñecemos sobre A Laxe datan de finais do século VI. San Martiño de Braga fala da “existencia dunha pequena ermida na cima dunha rocha rodeada por un río e con dúas fontes (a de Nosa señora e a de Santa Irene) das cales mana auga milagrosa que cura ata cen enfermidades”. Existen documentos do século IX nos que se di que os devotos acudían e se lavaban nestas fontes para aproveitar as súas propiedades curadoras.
Segundo a lenda, no río Cabalar apareceu a imaxe dunha muller sobre unha rocha coñecida como “o berce”. Aínda que intentaron mover a pedra, resultou imposible e decidiron construír unha ermida e trasladar a imaxe. Así, o nome orixinal do santuario era “ Nosa señora das augas”.
No século XII os monxes do Mosteiro de Sobrado cambiáronlle o nome, como facían normalmente, dándolle o nome do lugar: A Laxe. Co tempo a capela quedouse pequena debido ao gran numero de peregrinos que acudía. Así pois, levantouse a actual igrexa no século XVI, que foi costeada por unha persoa particular, que actualmente está enterrada no seu interior.
ACHEGA HISTÓRICA DE CHELO PAZ
Os restos do Gran Santuario de A Nosa Señora da Laxe, están na Parroquia de San Martín de Armental, Vilasantar, A Coruña. Os primeiros datos que coñecemos sobre a Laxe datan de finais do século VI, San Martín de Braga, fala da existencia de una pequena ermida na cima de una rocha rodeada por un río e con dúas fontes, a de Nosa Señora e a de Santa Irene, que manan auga milagrosa que cura ata cen enfermidades. A lenda popular dicía que no río Cabalar, ó pé da rocha aparecera a imaxe en pedra de unha muller, sobre unha pedra (o berce) e que aínda que tentaron de sacala de alí foi imposible; entón decidiron construír una hermida e trasladala á ela. O nome orixinal do santuario e: “Nosa Señora das Augas”. O berce segue no mesmo lugar do río a pesares de que moitas veces fixeron por quitala. Polo século XII os monxes de Sobrado cambiáronlle o nome, como tiñan por costume, dándolle o nome do lugar.
En tempos do Papa Sixto V, (1585-90) un matrimonio coñecido por Fandiños, do lugar de Cezar en San Vizenzo, correu con tódolos gastos de facer unha ermida mais grande no mesmo lugar da antiga, e pagar una Bula que concedera ó Santuario os mesmos privilexios da Basílica de San Juan de Letrán en Roma, a cambio serían soterrados diante do altar maior un ó lado do outro, no xeito que se enterran a os curas, e ca promesa de que permanecerían alí “por sempre xamais”, ademais de misas, indulxencias e outros beneficios. A partires da construción de este novo templo, consérvanse moitos datos: actas das Visitas Pastorais, Glosarios nos que os mordomo tiñan que “dar quentas” cartas de doazóns e demais.
O edificio e de cruz latina, o altar cara o Sol nacente, a porta grande cara o Sol poñente e unha porta travesa cara o mediodía. Construíuse con pedra e lousa da mesma rocha da base. A parte do altar maior tiña outros dos a dereita e a esquerda O día de hoxe aínda se conservan varias imaxes dos santos e santas que adornaban estes altares talladas por grandes mestres como Juan Dominguez e Carlos Porto, outras, desgraciadamente “extraviáronse”. Entre os anos 1550-60 fúndase una Cofradía, que se ocupará das celebracións das catro festividades de Nosa Señora: a Anunciación (25 de marzo), a Natividade (8 de setembro), a Asunción (15 de agosto) e a Concepción (8 de decembro). Farase misa solemne tódolos sábados do ano, o día da Ascensión de Xesús e o día de cada un dos apóstolos. A Bula concedida por Sixto V, outorga Xubileu pleno nestas festividades menos nos sábados. O santuario pechábase ó caer o día, salvo a véspera da Ascensión de Xesús.
O santuario chegou a ter, un Cura Reitor, un capelán maior, sete capeláns, e varias serventas que atendían durante todo o día os tres altares, e non permitían ós devotos achegarse a eles ou tocalos. Para as celebracións solemnes traían un predicador do mosteiro de Sobrado. Nestas celebracións había mercado, varias misas ademais da solemne, música e danzas, e comida festiva para os cofrades. Recollese nos libros de Fábrica que o 15 de agosto de 1660, consumiuse: 9 cuartillos de aceite, dez moios de viño, catro carneiros, dous bois, e outras viandas. No ano 1654 non se celebraron comidas porque houbera carestía de viño.
As limosnas son de tres clases, a ordinaria: o que se recollía en cantidades pequenas de diñeiro; a grosa: cando se recibía grande cantidade de cartos, sobre todo procedente das Indias, e a cuantiosa: cando as doazóns eran en propiedades. De estas limosnas “quantiosas” recollíanse moitos ferrados de centeo, trigo, millo miudo…nas propiedades que tiña en: San Martín de Armental nos lugares de: Zanfoga, Libioi, Laxe, Toural; San Vizenzo de Curtis: Mourengos, Ponte i Eirixe; Santa María de Fisteus: Sesmonde; Santaya de Curtis: O Coto; e outros lugares de Vilariño, Présaras, Carelle, Folgoso, Andabao, Arceo e Brates. Outra fonte de ingresos era a Fundacións de Misas, que non sempre se podían cumprir polo elevado número delas. Como curiosidade, no ano 1859, D. José de Pardo Bazán e Mosquera, pai de Dona Emilia, pide explicacións sobre as súas Fundacións de Misas “quinze misas por una Fundación y ochenta y cinco por otra…cada año … y en las fechas señaladas” e engade “una pensión de sesenta y siete reales … por distintas Fundaciones de misas… en el Santuario de Laxe”. Unha Fundación dicía “digo yo Dn. Jacob Vidal Freire, alcaide de cárceles secretas del Sancto Officio de la Inquisición en este Reyno y vecino de la ciudad de Sanctiago…ofrezco cuatro reales de bellón cada un año…y lo firmo a veinte y tres de agosto de mil setecientos zinco años”.
No mercado vendíase o que se recadase das ofertas dos devotos: centeo, vacas, olmallos, poldras, . . . Nas tendas vendíase carne, viño, pan, . . .
A Bula de Sixto V é tridua: 1. Concede Xubileu pleno ós cofrades, peregrinos, devotos e demais fieis que visitaren e rezasen a Nosa Señora e os apóstolos nas súas festas. 2. Inmunidade e inviolabilidade para toda persoa dentro do Recinto Sacro, que queda delimitado por catro cruceiros. 3. O santuario goza dos mesmos privilexios, grazas e indulxencias como si estivese dentro dos muros de Roma; como símbolo de isto fíxose una furna entre dúas columnas que dan o mediodia que se foi enchendo con terra de Roma que traian os peregrinos, mantívose así por séculos ata que hai algúns anos un párroco descoñecendo o seu valor guindou todo polo atrio. Esta Bula tiñan que pagala tódolos anos, así consta que no ano 1775 se pagaron “tres zientos y nueve reales y seys marevedis” . . .”los cobró Alonso Menéndez, Racionero y Corresponsal en Roma”.
Había outras cofradías: a da Soidade, a de Santo Antonio e a de San Roque.
O Recinto Sacro, que estaba delimitado por os catro cruceiros, tiña catro entradas, unha por cada un dos puntos cardinais. Como edificio destacado estaba o Santuario, e cara o poñente, as casas, tendas, hortas e cortiñas.Comezando polo mediodía estaban: 1ª as cabalerías, que tiña casa, patio e horta; aquí gardaban os cabalos, mulas, poldros, . . . dos visitantes; 2ª a casa nova da cofradía, 3ª unha casa con tenda, 4ª casa do seminario ou escola, 5ª o Hospital, 6ª a tenda e venta de viño, 7ª a carnicería, 8ª a casa de comida e por último, 9ª outra tenda e venta de viño. Tódalas casas tiñan planta alta para a vivenda.
A pesar de que os Visitadores Apostólicos facían cada ano a visita ordenada nas Sinodais, ó Santuario, non faltaban contas falsas e incumprimento das ordenanzas, según aparece nos libros ce actas de visita. Tamén se facía cada ano, inventario dos obxectos de culto roupa e outros elementos que se gardaban no edificio do santuario; en 1750 Dn. Juan Ignacio de la Rúa y Figueroa fixo “un requento bien y fielmente, ante testigos” e despois de enumerar os bens un por un e con toda clase de explicacións sobre o seu valor e estado, “quatro candelabros de plata de una echura todos ellos; quatro vinageras de plata, dos con cubierta y dos sin ella; un incensario de plata con la cubierta en pedazos, a la que faltan dos asas en el fondo…” remata: “cuyo requento hice bien y fielmente el día referido a presencia de los testigos predichos. Y por ser verdad lo firmo ut supra.”
Coa Desamortización de Mendizabal cambiou a vida do Santuario. O día 5 de setembro de 1856 as 12 da mañá celebrase en Laxe a poxa de tódolos bens raíces e caudais O número de capeláns quedou na metade, reducíndose os actos de culto, o Hospital e o Seminario cerraron por falta de medios; deixase de pagar a Bula, polo que o número de devotos e romeiros decae de día en día.
O edificio tamén foi deteriorandose, ata chegar a un estado tan ruinoso que non se podía nin dicir misa nel, por medo o derrube. Hai poucos anos e grazas ao párroco D. Miguel Estalote Gómez, fíxose unha pequena restauración nas paredes e no tellado polo que xa esta a funcionar como igrexa. Urxe a restauración das imaxes e retablos que quedan antes de que acaben carcomidos, e sobre todo, o retablo maior de valor incalculable, coa escena da Ascensión do Señor, única en igrexa algunha. Tamén deberían de reabrirse os mananciais das dúas fontes.
Arquitectura
A igrexa ten planta de cruz latina cunha única nave abovedada. As lousas que cobren o chan proceden do Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O retablo maior consta de cinco rúas e catro corpos: Sotobanco, Banco, Corpo e Ático. As rúas están separadas por columnas rematadas en capiteis corintios, nas que atopamos figuras de San Xoan, Santiago o maior e unha figura que pode ser San Felipe, polo que a súa inscrición deixa ver.
Na rúa central, nunha fornacina, dentro da que se encontra unha imaxe do neno Xesús, aparece a representación da Virxe María en actitude orante con tres querubíns. A través dun corredoiro situado no lateral do retablo accédese á sacristía. Aí atopamos unhas escaleiras que nos permiten acceder ata a imaxe da Virxe e abrazala dende atrás, como sucede na catedral de Santiago de Compostela co Apóstolo.
No ático vemos unha imaxe da Ascension de Cristo e, culminando o retablo, un escudo de armas que puidera ser dos Fandiño, benefactores do templo.
SAN MARTIÑO DE ARMENTAL
O templo está próximo a poboación de Eirixe, aínda que afastado das vivendas. Aséntase na ladeira suroeste dun outeiro, polo que esta protexida dos ventos dominantes e ten una excelente visión do territorio parroquial.
O edificio románico veuse afectado por varias reformas, pero conserva un campanario exento. A torre emprázase máis alta sobre unha pequena elevación. Isto podería responder a unha localización estratéxica para facilitar a difusión do son das campás.
Ten dimensións modestas e pouca altura. É de planta rectangular e está construída con grandes bloques de granito, asentados con pedras miúdas. A base do primeiro corpo coróase con lousas graníticas moi finas. A espaldaña ten menor profundidade que a base. O coroamento realizase en dúas augas, con lousas lisas e unha sinxela cruz grega.
Os muros laterais están edificados con cachotaría e cantaría de granito. O van, situado ao oeste, é abucinado ao interior. No exterior o arco de medio punto parece retallado. A cornixa meridional está sustentada por once canelos moi sinxelos.
A fachada norte conta coa metade occidental do muro construída coa mesma técnica que a do lado oposto, pero a parte inferior da sección oriental esta edificada con perpiaños de tamaño irregular. A fachada occidental carece de espaldaña, remátase cunha sinxela cruz latina. O perfil exterior da saeteira, que é recto, afasta a fachada dunha aparencia románica.
Para a edificación do muro da ábsida e da sacristía reutilizáronse algúns dos perpiaños da ábsida. No interior perdéronse as partes mais significativas, o arco triunfal e a ábsida. A nave esta construída toda ela con cachotaría, pero pegados ao arco triunfal hai algúns perpiaños que tamén están presentes na parte baixa do muro. Consérvase o único perpiaño con marca lapidaria, unha P co mastro prolongado.
A porta meridional está adintelada tamén no interior. A análise comparativa para poder determinar unha datación estipula que nos campanarios e espaldañas foron sensibles as modificacións, ao ser destruídos polas tormentas ou por non axustarse aos gustos arquitectónicos de momentos posteriores. A modificacións das portas é moi frecuente. A simplicidade dos elementos conservados en San Martiño de Armental non permite establecer unha cronoloxía precisa.
O elemento máis significativo para determinar unha datación é o aleiro, onde a presenza de canecillos decorados unicamente con motivos xeométricos e, sobre todo, a rudeza coa que foron tallados, apuntan a unha cronoloxía tardía que ronda o ano 1200.
SAN VICENTE DE CURTIS
O actual templo de San Vicente ten planta en cruz latina, formado por unha nave e un presbiterio recto ao que se abriron dúas capelas laterais e unha sacristía. A estas ampliacións hai que engadir a modificación da fachada occidental.
Da fábrica románica consérvanse os muros laterais de nave, o arco triunfal, aleiro setentrional da ábsida e os canecillos do lado oposto, que foron reubicados baixo a cornixa da capela setentrional.
Os muros laterais están construidos con mampostería, reservando a sillería para as esquinas. Na parte alta dos muros atopamos parellas de saeteras rematadas en arco de medio punto.
Na zona media do fronte sur hai unha porta adintelada no interior, abríndose dentro coma un arco cun lixeiro apuntamento. No muro norte non hai evidencias da existencia de ningún acceso nin.
Os aleiros están sostidos por canecillos con decoración de tipo xeométrica pero na fronte meridional aparece unha maior variedade. A ábsida viuse alterado pola construción das capelas laterais, que supuxo a eliminación total dos muros norte e sur, aínda que se conservan os canecillos.
Na cornixa sur aumentouse a liña da cornixa por enriba da capela, pero mantén o retranqueo do muro do presbiterio. A modificación da altura do presbiterio supuxo o cambio do testeiro, composto de mampostería con algúns perpiñóns graníticos reutilizados na parte central.
O testeiro da ábsida, tras a construción da sacristía anexa, quedou no interior desta dependencia. A parte inferior do muro permanece oculta tralas caxoneiras, pero na parte inferior do muro aprécianse os perpiañoes graníticos, e a zona central e superior refeita parcialmente, realizada en mampostería. No interior, a nave e a ábsida cérranse con armadura de madeira.
A unión da nave e da ábsida realízase mediante o arco triunfal de medio punto e dobrado. O arco triunfal e os muros están construidos maioritariamente con sillería granítica.
Os escasos elementos románicos conservados en San Vicente de Curtis e a simplicidade dos seus motivos dificultan o establecemento dunha cronoloxía precisa. Non obstante, o lixeiro apuntamento do arco da porta, a presenza dun aleiro decorado con canecillos de tipo xeométrico e o arco triunfal apuntan a comenzos do século XIII. No interior da igrexa consérvase un retrablo pétreo policromado do século XVI.
SANTIAGO DE VILASANTAR
Constituída no século XII, a igrexa de Santiago de Vilasantar é un incrible exemplo da arquitectura románica galega.
A sua fachada principal destaca polas súas impresionantes esculturas e detalles decorativos, que reflicten a mestría dos artesáns da época. Ao adentrarse no interior, pódese admirar a sua nave única, capiteis adornados e fermosos frescos que narran historias relixiosas.
Durante a época medieval foi un importante centro de peregrinación para os devotos que recorrían o Camiño de Santiago, atraendo visitante de todas as partes de Europa. No século XIX a igrexa de Santiago de Vilasantar sufriu unha importante restauración que permitiu preservar a sua estrutura orixinal e garantir a sua conservación.
Hoxe en día segue a ser un punto de referencia para a comunidade local e un destino imperdible para quen desexe mergullarse na historia e na espiritualidade de Galicia.
DIVINO SALVADOR DE BARBEITO
A igrexa do Divino Salvador de Barbeito é unha igrexa católica que se remonta ao século XII. Trátase dun dos edificios máis antigos da zona.
A igrexa presenta un estilo románico típico da rexión, con paredes de pedra e torre robusta que se alza sobre a paisaxe circundante.
No interior da igrexa os visitantes poden admirar as fermosas obras de arte relixiosas que adornan paredes e altares. Destacan as pinturas e as esculturas que representan escenas bíblicas e figuras santas, así como os frescos que decoran o teito da nave principal. Ao longo dos séculos, a igrexa foi lugar de culto e devoción para os habitantes de Vilasantar e comunidades veciñas.
SAN PEDRO DE PRÉSARAS
Construción dunha sola nave, con cuberta a dúas augas. Ao lado da igrexa atópase o cemiterio.
SANTA MARÍA DE VILARIÑO
Construción dunha sola nave. Ao lado da igrexa atópase o cemiterio.





