A maioría dos escritos que se coñecen sobre O Camiño de Santiago, fan referencia ao Camiño Francés, ata tal punto que hai moita xente que non coñecen a existencia de outras rutas.
A orixe da peregrinación a Santiago que entra en Galicia por Asturias, remóntase aos momentos inmediatamente posteriores ao descubrimento da tumba do apóstolo Santiago no compostelán monte Libredón. Segundo a tradición, o monarca Afonso II O Casto (792-842), emprende a peregrinación ao santo lugar dende Oviedo, converténdose así no primeiro peregrino de Santiago.
Os camiños do norte foron pioneiros, pero durante a Idade Media, os monarcas potenciaron o camiño francés como itinerario privilexiado.
A primeira noticia do desenvolvemento desta ruta xacobea pola costa, data do 969, ano no que o conde Osorio Gutiérrez, favorece no seu testamento o Mosteiro Benedictino de Vilanova de Lourenzá para que se encargue da provisión de pobres e peregrinos. Polo tanto, sabemos que dende o séc. X os peregrinos empregaban esta ruta para chegar á meta desexada cruzando o norte peninsular da maneira máis segura posible.
Estas razóns xustifican que a partir do século XIII, coa consolidación do Camiño de Santiago Francés polo avance da Reconquista, e a fixación da poboación urbana ao longo dese trazado, que ofrecía mellores apoios aos viandantes, os camiños do Norte foran menos utilizados.
De todos os xeitos, como se desprende do material cartográfico dos séculos XVIII e XIX, a prevaleza do francés non supuxo un abandono destes.
O Camiño de Santiago entra en Vilasantar pola zona coñecida entre os montes da Torre e da Corda, nunha zona cunha importante concentración de mámoas. Pasa ao leste do núcleo de Días e continúa por un camiño que atravesa o Monte de Liñares, cruzando o río Pedregoso. O camiño continúa durante un quilómetro e medio ata chegar ao núcleo do Campo da Cruz, atravesando a continuación o núcleo de Vilariño, situado xunto o anterior. O trazado segue pola pista asfaltada que leva a Novás, e antes de chegar a Novás, desvíase dela por un camiño á esquerda que atravesa o rego de Ceños, ao leste de A Casanova e Cencasas. O trazado segue pola pista situado entre Chousa Grande e As Brañas da Torre, para máis adiante desviarse á dereita en dirección Barcioi, que xa está no municipio de Sobrado.
A ruta continuaría polos municipios de Boimorto, Arzúa, e O Pino, ata chegar a Santiago de Compostela.
Trazado de la ruta y recursos de interés