Biografía do Bispo Ares de Canabal
Breve historia do Santuario de Nosa Señora da Laxe
Os restos do Gran Santuario de A Nosa Señora da Laxe, están na Parroquia de San Martín de Armental, Vilasantar, A Coruña.Os primeiros datos que coñecemos sobre a Laxe datan de finais do século VI, San Martín de Braga, fala da existencia de una pequena ermida na cima de una rocha rodeada por un río e con dúas fontes, a de Nosa Señora e a de Santa Irene, que manan auga milagrosa que cura ata cen enfermidades. A lenda popular dicía que no río Cabalar, ó pé da rocha aparecera a imaxe en pedra de unha muller, sobre unha pedra (o berce) e que aínda que tentaron de sacala de alí foi imposible; entón decidiron construír una hermida e trasladala á ela. O nome orixinal do santuario e: “Nosa Señora das Augas”. O berce segue no mesmo lugar do río a pesares de que moitas veces fixeron por quitala. Polo século XII os monxes de Sobrado cambiáronlle o nome, como tiñan por costume, dándolle o nome do lugar.
En tempos do Papa Sixto V, (1585-90) un matrimonio coñecido por Fandiños, do lugar de Cezar en San Vizenzo, correu con tódolos gastos de facer unha ermida mais grande no mesmo lugar da antiga, e pagar una Bula que concedera ó Santuario os mesmos privilexios da Basílica de San Juan de Letrán en Roma, a cambio serían soterrados diante do altar maior un ó lado do outro, no xeito que se enterran a os curas, e ca promesa de que permanecerían alí “por sempre xamais”, ademais de misas, indulxencias e outros beneficios. A partires da construción de este novo templo, consérvanse moitos datos: actas das Visitas Pastorais, Glosarios nos que os mordomo tiñan que “dar quentas” cartas de doazóns e demais.
O edificio e de cruz latina, o altar cara o Sol nacente, a porta grande cara o Sol poñente e unha porta travesa cara o mediodía. Construíuse con pedra e lousa da mesma rocha da base. A parte do altar maior tiña outros dos a dereita e a esquerda O día de hoxe aínda se conservan varias imaxes dos santos e santas que adornaban estes altares talladas por grandes mestres como Juan Dominguez e Carlos Porto, outras, desgraciadamente “extraviáronse”. Entre os anos 1550-60 fúndase una Cofradía, que se ocupará das celebracións das catro festividades de Nosa Señora: a Anunciación (25 de marzo), a Natividade (8 de setembro), a Asunción (15 de agosto) e a Concepción (8 de decembro). Farase misa solemne tódolos sábados do ano, o día da Ascensión de Xesús e o día de cada un dos apóstolos. A Bula concedida por Sixto V, outorga Xubileu pleno nestas festividades menos nos sábados. O santuario pechábase ó caer o día, salvo a véspera da Ascensión de Xesús.
O santuario chegou a ter, un Cura Reitor, un capelán maior, sete capeláns, e varias serventas que atendían durante todo o día os tres altares, e non permitían ós devotos achegarse a eles ou tocalos. Para as celebracións solemnes traían un predicador do mosteiro de Sobrado. Nestas celebracións había mercado, varias misas ademais da solemne, música e danzas, e comida festiva para os cofrades. Recollese nos libros de Fábrica que o 15 de agosto de 1660, consumiuse: 9 cuartillos de aceite, dez moios de viño, catro carneiros, dous bois, e outras viandas. No ano 1654 non se celebraron comidas porque houbera carestía de viño.
As limosnas son de tres clases, a ordinaria: o que se recollía en cantidades pequenas de diñeiro; a grosa: cando se recibía grande cantidade de cartos, sobre todo procedente das Indias, e a cuantiosa: cando as doazóns eran en propiedades. De estas limosnas “quantiosas” recollíanse moitos ferrados de centeo, trigo, millo miudo…nas propiedades que tiña en: San Martín de Armental nos lugares de: Zanfoga, Libioi, Laxe, Toural; San Vizenzo de Curtis: Mourengos, Ponte i Eirixe; Santa María de Fisteus: Sesmonde; Santaya de Curtis: O Coto; e outros lugares de Vilariño, Présaras, Carelle, Folgoso, Andabao, Arceo e Brates. Outra fonte de ingresos era a Fundacións de Misas, que non sempre se podían cumprir polo elevado número delas. Como curiosidade, no ano 1859, D. José de Pardo Bazán e Mosquera, pai de Dona Emilia, pide explicacións sobre as súas Fundacións de Misas “quinze misas por una Fundación y ochenta y cinco por otra…cada año … y en las fechas señaladas” e engade “una pensión de sesenta y siete reales … por distintas Fundaciones de misas… en el Santuario de Laxe”. Unha Fundación dicía “digo yo Dn. Jacob Vidal Freire, alcaide de cárceles secretas del Sancto Officio de la Inquisición en este Reyno y vecino de la ciudad de Sanctiago…ofrezco cuatro reales de bellón cada un año…y lo firmo a veinte y tres de agosto de mil setecientos zinco años”.
No mercado vendíase o que se recadase das ofertas dos devotos: centeo, vacas, olmallos, poldras, . . . Nas tendas vendíase carne, viño, pan, . . .
A Bula de Sixto V é tridua: 1. Concede Xubileu pleno ós cofrades, peregrinos, devotos e demais fieis que visitaren e rezasen a Nosa Señora e os apóstolos nas súas festas. 2. Inmunidade e inviolabilidade para toda persoa dentro do Recinto Sacro, que queda delimitado por catro cruceiros. 3. O santuario goza dos mesmos privilexios, grazas e indulxencias como si estivese dentro dos muros de Roma; como símbolo de isto fíxose una furna entre dúas columnas que dan o mediodia que se foi enchendo con terra de Roma que traian os peregrinos, mantívose así por séculos ata que hai algúns anos un párroco descoñecendo o seu valor guindou todo polo atrio. Esta Bula tiñan que pagala tódolos anos, así consta que no ano 1775 se pagaron “tres zientos y nueve reales y seys marevedis” . . .”los cobró Alonso Menéndez, Racionero y Corresponsal en Roma”.
Había outras cofradías: a da Soidade, a de Santo Antonio e a de San Roque.
O Recinto Sacro, que estaba delimitado por os catro cruceiros, tiña catro entradas, unha por cada un dos puntos cardinais. Como edificio destacado estaba o Santuario, e cara o poñente, as casas, tendas, hortas e cortiñas.Comezando polo mediodía estaban: 1ª as cabalerías, que tiña casa, patio e horta; aquí gardaban os cabalos, mulas, poldros, . . . dos visitantes; 2ª a casa nova da cofradía, 3ª unha casa con tenda, 4ª casa do seminario ou escola, 5ª o Hospital, 6ª a tenda e venta de viño, 7ª a carnicería, 8ª a casa de comida e por último, 9ª outra tenda e venta de viño. Tódalas casas tiñan planta alta para a vivenda.
A pesar de que os Visitadores Apostólicos facían cada ano a visita ordenada nas Sinodais, ó Santuario, non faltaban contas falsas e incumprimento das ordenanzas, según aparece nos libros ce actas de visita. Tamén se facía cada ano, inventario dos obxectos de culto roupa e outros elementos que se gardaban no edificio do santuario; en 1750 Dn. Juan Ignacio de la Rúa y Figueroa fixo “un requento bien y fielmente, ante testigos” e despois de enumerar os bens un por un e con toda clase de explicacións sobre o seu valor e estado, “quatro candelabros de plata de una echura todos ellos; quatro vinageras de plata, dos con cubierta y dos sin ella; un incensario de plata con la cubierta en pedazos, a la que faltan dos asas en el fondo…” remata: “cuyo requento hice bien y fielmente el día referido a presencia de los testigos predichos. Y por ser verdad lo firmo ut supra.”
Coa Desamortización de Mendizabal cambiou a vida do Santuario. O día 5 de setembro de 1856 as 12 da mañá celebrase en Laxe a poxa de tódolos bens raíces e caudais O número de capeláns quedou na metade, reducíndose os actos de culto, o Hospital e o Seminario cerraron por falta de medios; deixase de pagar a Bula, polo que o número de devotos e romeiros decae de día en día.
O edificio tamén foi deteriorandose, ata chegar a un estado tan ruinoso que non se podía nin dicir misa nel, por medo o derrube. Hai poucos anos e grazas ao párroco D. Miguel Estalote Gómez, fíxose unha pequena restauración nas paredes e no tellado polo que xa esta a funcionar como igrexa. Urxe a restauración das imaxes e retablos que quedan antes de que acaben carcomidos, e sobre todo, o retablo maior de valor incalculable, coa escena da Ascensión do Señor, única en igrexa algunha. Tamén deberían de reabrirse os mananciais das dúas fontes.
Chelo Paz
28/09/2011