UN BISPO NADO EN PRÉSARAS
Na aldea do Canabal, na casa coñecida como “a casa do bispo”, naceu no ano 1565 Miguel Ares González fillo de Alfonso Ares e de María González.
Estudou en Santiago de Compostela e en Salamanca, sobresaíndo pola súa amplísima cultura, intelixencia e bondade; manténdose piadoso e caritativo, disposto sempre a axudar os máis febles. Foi enviado a Ávila, onde conseguiu a dignidade de Maxistral da Sagrada Escritura.
A súa sona de intelectual e bo cristián chegou ata a Corte do rei Felipe II, quen no ano 1593 propono como Bispo da Audiencia de las Charcas en Sucre (Bolivia), cargo que D. Miguel rexeitou. Ao seguinte ano propono como Bispo de Ourense, onde toma posesión o 30 de Maio de 1595 como Miguel Ares Canabal; xa que mudou o segundo apelido polo lugar do seu nacemento, algo frecuente naquel tempo.
Dende Ourense visita sempre que pode o Santuario de Nosa Señora da Laxe, en San Martín de Armental, Vilasantar, moi preto da súa casa natal, do que foi devoto dende neno, interesándose sempre polo seu coidado e melloras. Don Miguel enviou ofrendas ó Santuario según consta nos libros de Fábrica, así estando en Avila enviou “veiynte mill ducados” noutra data “un termo enteramente de adamasco… blanco”, “un caliz dorado, con sus vinajeras de lo mesmo”, sendo xa bispo de Ourense, envía: “un plato de plata y unas vinageras de lo mismo”, “un frontal de damasco blanco, con sus cenefas coloradas y borlas de lo propio”, “dos cajones nuevos donde guardar los ornamentos nuevos”. Tamén se preocupou da xente da súa comarca, e como home culto que era, entendeu que a mellor maneira de axudar era escolarizalos. Decidiu, pois, fundar ao carón do Santuario, dentro do territorio de graza, unha escola ou seminario, “para lo qual dejo cantidad de dinero… lo pusieron a censo y produzía cada un año treynta ducados” o seu desexo era “aya un maestro que enseñe los principios de la Gramática, a ler, escribir…y los principios de la latinidade, así como boa educación, santo temor de Deus, sans costumes e lectura de libros devotos”. Para o mantemento de este seminario obtivo grandes doazóns: Antonio de Villena, “arzediano y canónigo que fue de la dicha Iglesia de Orense…, por su testamento mandó quinientos ducados…” outras doazóns polas que se recollían cada ano, trigo, centeo e outras especies. Así conseguiu que boa parte dos nenos de San Martín de Armental, San Pedro de Présaras, Santa María de Vilariño…, non foran analfabetos. Aquí comezou os seus estudos Alfonso Ares, veciño de Vilariño e sobriño de D. Miguel, que chegou a ocupar distintos cargos no Arzobispado de Compostela. Esta escola ou Seminario estivo funcionando ata poucos anos despois da desamortización de Mendizábal, na que se incautaron todos os bens do Santuario e os que mantiñan o Seminario.
D. Miguel Ares Canabal finou o 1 de xaneiro de 1611, sendo bispo de Ourense, está sepultado na capela maior da catedral ourensá.
Moitos dos historiadores que escriben sobre este Santuario, ou sobre a escolarización do rural galego, chegan a dicir: “es una injusticia, fruto de la ignorancia, que en toda la comarca no se conozca ni a D. Miguel ni a su obra… la historia siempre está presente para quien desee conocerlo y valorarlo”.
Neste ano 2011 cúmprese o 400 centenario do seu pasamento.
Chelo Paz
28/09/2011