Ruta dos Muíños
Unha das principais características do noso concello é a súa natureza, os ríos maila verde vexetación, por este motivo unha das propostas turísticas para o desfrute é a de visitar a ruta dos muíños.
A Ruta dos Muíños no Río das Gándaras discorre ó longo de 6 quilómetros, polo Núcleo Etnográfico do Río das Gándaras. Trátase dunha proposta turística para o desfrute de todo o mundo, tanto pequenos coma maiores. Nesta área podemos visitar un total de 22 muíños hidráulicos, con diferentes estados de conservación. Algúns rehabilitados recentemente pola Deputación e mailos seus propietarios e outros en peor estado. Ademais dos muíños tamén podemos ver un batán, actualmente restaurado e en funcionamento, e preto del unha fervenza de 15 metros de altura. Outro dos atractivos desta senda son Os Pasos da Vella, unhas rochas grandes no medio do río que antigamente permitían cruzar dunha beira a outra.
Trátase dunha zona de agrupación de elementos etnográficos relacionados coa enerxía hidráulica de grande importancia para a economía local do momento.
Esta área abarca dende o nacemento do río ata a súa desembocadura no Tambre, tamén se inclúe un afluente que baixa polo núcleo de Xafeita, onde tamén atopamos outro muíño. A ruta permítenos desfrutar do aire puro e da natureza, coa súa vexetación característica de ribeiras, como son os bidueiros e ameneiros.
O Batán de Mezonzo
Atopámonos antes un enclave dun gran valor etnográfico e natural. Trátase dun conxunto de muíños, un batán e un serradoiro, que discorre ó longo do río das Gándaras. É un eido no que se explotaban os recursos naturais, aproveitaban a forza da auga para batelos tecidos, a pre-industria hidráulica.
O batán é un aparello de madeira, construído xeralmente no curso da auga, que consta duns mazos que ó se mover alternativamente pola acción da auga, van batendo os tecidos fabricados nos teares para desengraxalos e que entupan.
O batán forma parte dun conxunto de construcións, entre as que se atopa tamén un muíño e un antigo mazadoiro de liño.
Durante o período clásico, tanto gregos como romanos, xa pisaban os tecidos, dado que non se descoñecía o sistema mecánico. Durante a época romana o pano poñíase en maceración en grandes cubas, nunha mistura de arxila espacial para abatanar, potasa (cinza vexetal) e ouriños humanos. Os operarios apisoaban o pano durante horas ou incluso días. Esta labor chamábase apisoamento “a sangue”, xa que se necesitaba da forza humana. Non será ata a Idade Media cando apareza o batán mecánico en Europa, nos séculos XI-XII, sábese da existencia deles tanto en Francia como en Alemaña. A primeira referencia que se ten en España data do século XII, nun documento do 17 de xuño de 1166, preto de Xirona. Será neste momento cando comecen a espallarse polo resto do territorio peninsular.
O batán de Mezonzo atópase no lugar do Batán/Priorato na parroquia de Santa de Mezonzo. Sitúase nun forte salto de auga que se forma no río das Gándaras, moi próximo á desembocadura no Tambre.
Os batáns, igual cos muíños, podían ser comunais (con varios propietarios) ou privados, neste caso trátase dun batán de propiedade privada. Pertence á familia Mahía Pardo, coñecidos coma “Os Bataneiros de Sandá”.
A historia do batán está vencellada ó mosteiro de Mezonzo que data de finais do século XII, crese que foron os propios monxes os que o construíron, de ser así sería un dos máis antigos da península. Estivo en funcionamento ata o ano 1954.
Funcionaba dende o mes de febreiro ata xuño, durante o inverno non se podía usar xa que resultaba moi complicado secalos cobertores/mantas. No ano 2001 a Deputación da Coruña rehabilitou o edificio e algunhas das pezas da maquinaria.
O batán non se usa para o liño, tan só para tecido en la, cobertores. Cando se levan ó batan, métense 6 mantas nunha cuba durante 24-30 horas, cada 3-5 horas había que vixialas para que non se pegaran, secalas, estiralas e volvelas meter. As mantas encollían ata un 50%.