Igrexa de Santa María de Mezonzo
A igrexa parroquial de Santa María de Mezonzo atópase no Concello de Vilasantar, na parroquia de Mezonzo e no lugar do Priorato. A igrexa é de estilo románico e foi parte dun antigo conxunto cunha igrexa máis primitiva e un mosteiro que hoxe xa non se conserva.
A igrexa data de finais do século XII, pero a súa orixe é prerrománica, e pode remontarse á época visigoda, a xulgar por varios elementos arquitectónicos que aparecen reutilizados na súa fachada, como a columna de mármore da fachada norte, así como na pía de auga bendita, onde aparece un capitel prerrománico.
En canto a súa estrutura hai que dicir que consta de tres naves que rematan en tres ábsidas semicirculares. O arco de acceso á capela maior é apuntado e a capela cóbrese, tamén, con bóvedas de canón apuntado. As columnas teñen capiteis adornados con follas estilizadas.
A cabeceira da igrexa é quizáis a parte máis destacada do edificio, pola súa riqueza volumétrica e a variedade ornamental das cornisas. Tamén se aprecia ben no exterior a diferencia entre a ábsida e o presbiterio, que lle permite abrir un rosetón de gran diámetro e ornamentación.
Seguindo na cabeceira da igrexa hai que destacar que as ventás das capelas están moi ornamentadas, cun dobre arco con moldura no superior.
Os muros laterais das naves teñen contrafuertes e os fustes das columnas son lisos e de granito, menos unha da porta norte que está labrada en mármore do país e, suponse que foi unha reutilización do edificio anterior prerrománico. Os capiteis son sempre de follas estilizadas igual que os das columnas do interior do edificio.
A utilización de arcos apuntados así como a presenza de rosetón e a sinxeleza ornamental nos fan situar esta igrexa arredor do ano 1200.
O mosteiro o que pertenceu foi independente ata o s.X, cando se constrúiu o mosteiro de Sobrado dos Monxes do que pasou a depender o mosteiro de Mezonzo.
Entre os feitos máis relevantes hai que sinalar que nel foi monxe o famoso abade e bispo San Pedro de Mezonzo, dende o ano 948 ó 958, pasando logo a ser monxe en Sobrado.
A igrexa de Santa María de Mezonzo foi declarada Monumento histórico-artístico no ano 1931. O grao de conservación é moi bo, o que unido a representatividade e antiguidade do edificio fai que sexa un dos monumentos máis visitados da comarca.
Tríptico Santa Maria de Mezonzo