Novas
25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO
O noso concello únese á conmemoración do día 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia de xénero, co fin de manifestar o máis enerxético rexeitamento ante este tipo de violencia. A violencia de xénero é unha das vulneracións máis graves dos dereitos e liberdades.
Nunha sociedade legalmente igualitaria, cun marco xurídico que nos sitúa na vangarda dos países da contorna, as cifras de mortes e agresións contra as mulleres e as nenas seguen sendo abafadoras e, ano tras ano, indícannos que hoxe máis que nunca é necesario incrementar os esforzos e erradicar aquelas actitudes e comportamentos cotiáns que reproducen a desigualdade e que están na orixe da violencia de xénero, contribuíndo a perpetuala.
A superación deste tipo de violencia é moi complexa pero iníciase atallando a desigualdade histórica entre mulleres e homes, abordándoa desde un compromiso real, coa implementación de medidas integrais eficaces que se traducen en políticas preventivas e de intervención dende as idades máis temperás.
Con todo, a pesar do avance, debemos seguir traballando contra todo tipo de discriminación por razón de xénero e, en especial, contra a súa manifestación máis grave: a violencia machista en todas as súas formas. É por iso que o concello de Vilasantar mantén o seu compromiso de continuar:
* Na implementación de políticas integrais contra a violencia de xénero, a través da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero e do Protocolo de Actuación contra a Violencia de Xénero.
* Na Rede de Entidades locais contra a Violencia de Xénero, froito do convenio de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
* Co seu labor de sensibilización e prevención mediante campañas dirixidas á poboación infantil e adolescente gracias á colaboración das comunidades e axentes educativos do noso municipio.
* Promovendo en todos os ámbitos da vida local modelos non sexistas e de igualdade entre mulleres e homes desde os que erradicar este fenómeno.