Axudas
AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA A ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, CONFEDERACIÓNS, FEDERACIÓNS OU UNIÓNS DE ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS, COMUNIDADES DE USUARIOS DE AUGAS E ASOCIACIÓNS DE MULLERES RURAIS DE GALICIA (PR487A), PARA O ANO 2026
OBXECTO: os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
BENEFICIARIOS: as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Prazo de solicitude ata o 20 de abril de 2026.
REQUISITOS:
1. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.
2. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.
3. Non se admitirán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.
CUANTÍA: A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1. obras) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2. equipamentos).
Considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a. Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b. Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
Publicación: Diario Oficial de Galicia do día 18-03-2026, nº 52



