Axudas
Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero de Vilasantar, cofinanciado con fondos da Unión Europea
O Concello de Vilasantar foi beneficiario dunha subvención da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea para a realización do Programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero. Grazas a esta axuda puideron levarse a cabo o longo deste ano 2025 distintas actuacións:
- Taller de Autoestima
- Intervención e Asesoramento da Muller Emigrante
- Prevención da Violencia en Menores Vulnerables
- Lidera en Feminino
O desenvolvemento destas actividades permitiu:
- Mellorar a autoestima, a confianza e a autonomía das participantes.
- Fomentar a igualdade e a diversidade, cuestionando estereotipos de xénero.
- Previr situacións de violencia en menores e mulleres adultas.
- Incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal, garantindo a creación de espazos inclusivos e respectuosos.
Estas actuacións contribúen de maneira significativa aos obxectivos do Concello de Vilasantar en materia de igualdade, prevención da violencia e fortalecemento do tecido social. O enfoque integral e a combinación de metodoloxía participativa, educación emocional e sensibilización permiten que os programas teñan un impacto duradeiro na vida das persoas participantes.
igualdade, Novas
? Manifesto do Concello de Vilasantar polo Día Internacional da Muller ?
Dende fai anos, cada 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres pola igualdade real de xéneros, pola súa liberdade para desenvolverse como persoas individuais e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, a economía e a política. Un ano máis, o Concello de Vilasantar celebra cada avance en prol da igualdade entre homes e mulleres e nos comprometemos a seguir traballando para facela posible.
O Día Internacional da Muller é unha xornada para festexar todo o camiño percorrido, todos os avances logrados, pero tamén para fixar novos obxectivos que faciliten esa tan ansiada igualdade real. Somos moi conscientes de que o esforzo das mulleres por reivindicar o seu valioso rol nos espazos públicos e privados debe ir da man do esforzo institucional, e na administración local contan cunha aliada incondicional. Non en balde, das 29 persoas que conforman o persoal do noso concello, 26 son mulleres.
Vilasantar é un concello rural, onde as mulleres son un piar fundamental en cada faceta. Nos traballos da agricultura e gandaría, nas empresas, nos coidados, na educación, na administración, en cada unha das nosas casas… As mulleres son o sostén da sociedade e é o noso deber apoialas en cada emprenda que acometan.
A loita pola igualdade real entre homes e mulleres é cousa de todos e todas, e o Concello de Vilasantar, como entidade local e máis próxima a cada familia, porá todo da súa parte para lograr acabar con cada discriminación e desigualdade e gozar dunha sociedade na que cada muller e cada home, cada nena e cada neno, teñan as mesmas oportunidades.
Hoxe, 8 de marzo de 2023, e cada día de cada ano, dende o Concello de Vilasantar loitaremos pola igualdade e apoiaremos ás nosas mulleres e nenas no camiño que percorremos todas e todos da man.
Cultura, igualdade, Novas
Actividades polo Día Internacional da Muller: A Maga Fani en Vilasantar!
Na semana do Día Internacional da Muller, en Vilasantar achegamos á veciñanza o espectáculo de maxia da Maga Fani «Igualdade, onde estás?». O venres, 10 de marzo, ás 19:00 h, no local social de Vilasantar.
Somos un concello comprometido coa loita pola igualdade de xéneros e, aínda que o noso traballo para lograla é diario, con esta actividade queremos achegar a todas as xeracións dun xeito lúdico a importancia de seguir empurrando, todos e todas, para ter unha sociedade sen discriminacións nin desigualdades.



