Novas
9 de marzo, Día das persoas desaparecidas sen causa aparente
Declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias
En España o 9 de marzo é o Día das Persoas Desaparecidas sen causa aparente. A institución deste día, adoptada por unanimidade no pleno do Congreso dos Deputados en 2010, mantén plena a súa vixencia ante a incontestable realidade das preto de trinta mil denuncias por desaparición que se rexistran anualmente no noso país.
O Centro Nacional de Desaparecidos (CNDES) actualiza cada 9 de marzo as estadísticas e rinde conta da acción desenvolta dentro do primeiro Plan Estratéxico aprobado polo Consello de Ministros en 2022 e aínda vixente. Un plan expresamente orientado a paliar o sufrimento de todas e cada unha das familias golpeadas pola incertidumbre sobre o paradoiro dalgún ser querido e a inquedanza de non saber se está vivo ou morto.
En 2024 as estadísticas seguen a confirmar a terrible realidade das desaparicións e o seu impacto traumático en familias e achegados, en especial nos casos que permanecen sen resolución tras moitos anos ou incluso décadas. A atención ás familias afectadas é hoxe en día a tarefa máis relevante do CNDES, xunto ao papel de dinamizador da formación e coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade.
Tanto a Garda Civil como a Policía Nacional, e tamén os Mossos d’Esquadra, a Ertzaintza e a Policía Foral de Navarra, están a piques de adoptar un protocolo único de actuación. Trátase dunha insistente demanda co obxectivo de mellorar a celeridade na resposta nas primeiras horas da desaparición. Nesta tarefa, as policías locais e os equipos de Protección Civil e Emerxencias teñen un papel determinante como axentes locais: os primeiros en tomar contacto cunha desaparición e os primeiros en dar amparo ás familias afectadas. O compromiso das entidades locais que integran a FEMP é optimizar cantos servizos municipais sexan posibles e avanzar nunha coordinación eficaz co conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade.
Así mesmo, as entidades locais representadas na FEMP queren revalidar o seu compromiso como institucións sensibles coas desaparicións de persoas, facéndose eco das principais demandas do movemento asociativo dos familiares e dando calor a quen as padece. En especial, a FEMP quere poñer de relieve a súa chamada de atención sobre o incremento de desaparicións debidas a problemas de saúde mental e casos de deterioro cognitivo como o alzhéimer, así como o terrible índice de once suicidios diarios en España, que tamén son causa de desaparición con resultado fatal.
As entidades locais integradas na FEMP damos tamén o noso apoio á demanda do Estatuto da Persoa Desaparecida, para que se tramite sen máis demora como lei específica que dea resposta aos dereitos e demandas dos familiares e achegados que sofren a súa ausencia.
#TodosYTodoPorEncontrarlos #NosFaltan