actividades municipais
Concurso de disfraces no Concello de Vilasantar
O concurso de disfraces do Entroido 2025 no Concello de Vilasantar terá lugar o sábado 1 de marzo, a partir das 17:00 horas, no pavillón polideportivo de Présaras.
Para participar é obrigatorio anotarse previamente chamando ao 981 778 169 ou o mesmo día do concurso, no horario comprendido entre as 16:00 horas e as 16:30 horas.
Establécense dúas categorías: comparsa ou grupo e individual ou dúo. Na primeira categoría, dun conxunto mínimo de tres persoas, os premios serán: 1º 200 euros, 2º 100 euros, 3º 50 euros. No tocante á segunda categoría os premios serán: 1º 100 euros, 2º 50 euros, 3º 25 euros.
O xurado terá en conta o vestiario, a maquillaxe e a estética, a orixinalidade, a creatividade, o traballo na elaboración dos disfraces, a organización e a posta en escena, participación e interacción co público, a simpatía e a animación. A valoración farase cunha puntuación de 0 a 5 puntos, sendo 0 a de menor valor e o 5 a de maior valor.
Establécese un tempo máximo de realización da posta en escena e espectáculo, que será de 4 minutos, transcorridos os cales a música e posta en escena será parada. O xurado terá potestade para resolver calquera dúbida que poida xurdir no desenvolvemento do concurso. Aqueles disfraces que pola súa temática resultan ofensivos, discriminatorios ou vexatorios, poderán ser excluídos da participación no desfile.
A decisión do xurado será inapelable e terá competencia para resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases. O xurado estará formado por tres membros non participantes no concurso, designados polo Concello, mediante Resolución da alcaldía.
Os participantes que precisen de música para a actuación ou representación do espectáculo deberana traer nun USB, e avisar no concello no momento de anotarse. A USB deberá vir claramente identificada, poñendo o propietario e o lema co que participa no concurso e só deberá conter o tema que van interpretar. Utilizarase un USB por cada participante que precise interpretar un tema. No caso de xurdir algún problema coa reprodución do arquivo, a música que se empregará será a que propoña a organización.
A entrega de premios terá lugar o mesmo día de celebración do concurso, unha vez feita a avaliación polo xurado, de maneira simbólica, xa que a efectividade do premio farase por transferencia bancaria.
Os premios poderán quedar desertos no caso de que non haxa participantes.
Para cobrar o premio os gañadores deberán designar un representante (nome, apelidos, DNI) e facilitar no concello un número de conta (con IBAN) a seu nome para facer efectivo o ingreso, xunto cunha fotocopia do DNI.
Este evento será gravado e fotografiado, e as fotos e imaxes poden ser publicadas nas redes sociais do Concello de Vilasantar e na súa páxina web. Os datos conservaranse mentres sexa necesario para cumprir coa finalidade prevista e durante os prazos de prescrición legais. Os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, revogación do consentimento e limitación ante o Concello de Vilasantar.