Novas
Manifesto da FEGAMP polo Día mundial da infancia | 20 de novembro
Hoxe, en todo o mundo e en España, os nenos, nenas e adolescentes están a sufrir actos de violencia en todas as etapas da súa infancia e nos seus contornos máis cotiás, e moitas veces a mans de persoas de confianza ou que teñen o deber de educalos, crialos e protexelos. A ameaza é aínda maior para as nenas, as adolescentes, aquelas persoas con algunha discapacidade e quen se atopa en zonas de conflito.
O Consello de Europa estima que 1 de cada 5 nenos e nenas sufrirá abuso sexual antes de cumprir 18 anos. Do mesmo xeito, as estatísticas en España revelan que entre o 83% e o 91% dos nenos, nenas e adolescentes sofren actos de violencia en diversas etapas da súa infancia e en múltiples contornos. Igualmente, o informe sobre o “Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia” sinala que 1 de cada 3 rapaces pode estar sendo vítima de acosos escolar. A pesar disto, menos do 10% das situacións de violencia é denunciada e/ou notificada.
O dano que produce a violencia contra a infancia pode afectar ao longo de toda a vida do neno ou nena e en varias dimensións, tanto cognitiva, como física ou emocional. Por iso, é fundamental chegar antes de que o dito dano se produza.
O Día Mundial da Infancia 2024 é un día de acción para, con e polos nenos, nenas e adolescentes. O día para conmemorar a adopción da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), o 20 de novembro, nesta ocasión centrado en promover un compromiso de todos os actores, incluída a infancia, para que nenos, nenas e adolescentes vivan en contornos seguros e protectores libres de violencia. Un chamamento ao que se suma a FEGAMP, xunto con UNICEF España e UNICEF Comité Galicia, xa que todos e todas “Somos Infancia”.
Este 2024, promovamos que o Día da Infancia sirva para reivindicar e focalizaras accións de protección fronte á violencia cara a prevención, chegando antes que o dano se produza, e involucrando como axentes activos na súa propia protección aos propios, nenos, nenas e adolescentes, porque tal e como eles e elas nos recordan, #somosinfancia. Son hoxe, son cidadánse cidadás de pleno dereito e co dereito a vivir sen violencia.
Os nenos, nenas e adolescentes teñen o dereito a participar, aportando ideas e propostas sobre os temas que lles afectan, colaborando cos adultos na construción de espazos seguros e protectores. A protección fronte á violencia é unha das principais preocupacións que eles teñen actualmente. Por iso, contribúen a solucionala aportando ideas e propostas desde os espazos de participación a nivel local. Por isto, para avanzar na prevención da violencia:
- Para o pleno desenvolvemento da infancia, requírese, entre outros, a realización do Artigo 19 da Convención sobre os Dereitos do Neno. Polo tanto, comprometémonos a impulsar todas as medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas apropiadas para protexer á infancia contra toda forma de prexuízo ou abuso físico ou mental, descoido ou trato neglixente, malos tratos ou explotación, incluído o abuso sexual, mentres o neno se atope baixo a custodia dos pais, dun representante legal ou de calquera outra persoa que o teña ao seu cargo.
- Avanzaremos na posta en marcha a nivel local da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.
- Como administración máis próxima á infancia e adolescencia, comprometémonos a sensibilizar, formar, establecer espazos comunitarios, involucrar a nenos, nenas e adolescentes, familias e coidadores e cidadanía en xeral na prevención da violencia.
- Impulsaremos a realización de actividades deportivas, culturais, educativas, de lecer e tempo libre, dirixidas á infancia, asegurando contar nelas coas políticas de salvagarda axeitadas.
- Aseguraremos que os profesionais de servizos sociais, infancia, deportes, educación, saúde, corpos e forzas de seguridadelocais, cultura, etc. realizan accións coa infancia, nas cales poden detectar posibles casos de risco de violencia e contan coa formación e ferramentas adecuadas para abordar estes posibles casos.
- Aseguraremos que os nenos, nenas e adolescentes, como axentes de pleno dereito, en función da súa idade e desenvolvemento, reciban información e formación para autoprotexerse e protexer aos seus pares ante posibles casos de violencia e que se lles ten en conta á hora de aportar propostas vinculadas coa prevención da violencia.
- Proveeremos ás familias, pais, nais e coidadores, ferramentas e apoio en diferentes etapas da crianza, para o exercicio das súas funcións parentais.
- Realizaremos campañas dirixidas á nosa poboación local que contribúan a superar a, nalgúns casos, visión social permisiva ante certos tipos de violencias contra a infancia.
Asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento. Os desafíos aos que se enfrontan requiren de respostas coordinadas e escaladas, a nivel global, nacional, autonómico e local. Respostas que conten sempre coa súa participación. Por isto, nun Estado como o noso, que ratificou a Convención sobre os Dereitos doNeno en 1990, é fundamental o compromiso e o investimento que fan todas as administracións públicas, no noso caso, os gobernos locais.
Dende a FEGAMP non somos alleos a esta realidade. Por isto, comprometémonos coa promoción dun maior e máis eficiente investimento na infancia, garantindo que se asignan os recursos necesarios para avanzar na protección da infancia contra todo tipo de violencia, e adoptar modelos de traballo para a prevención da violencia contra a infancia a nivel local, propostos por entidades como UNICEF España.
Con esta declaración a Comisión Executiva da FEGAMP, manifesta o compromiso no marco do Día Mundial da Infancia de 2024.