Novas
PRESENTACIÓN ESTUDO SOCIOECONÓMICO DO GDR
O GDR Ulla Tambre Mandeo acaba de publicar o estudo socioeconómico da zona no que se inclúen datos estatísticos e opinións de expertos sobre tódolos temas de interese para o desenvolvemento rural (recursos, poboación, economía, mercados, sociedade, cultura…). O estudo pretende ser unha importante ferramenta e documento de consulta para tódolos axentes que toman decisións no territorio, tanto as persoas dedicadas á política, ó mundo empresarial ou na comunidade educativa. Os datos que nel se recollen están actualizados en setembro do 2018, polo que é moi interesante a súa consulta no momento actual.
Xustamente na comunidade educativa tivo lugar a presentación do libro, que contou coa participación do profesor universitario Xavier Simón, que coordinou o traballo de investigación das dúas autoras: María Mellid e María Fernández, e foi o nexo coa editorial da Universidade de Vigo que publica o estudo.
O libro presentouse no C.P.I. de Boimorto, ante os alumnos e alumnas da ESO (3º e 4º), e ó acto acudiron, ademáis das autoras e o profesor universitario, a alcaldesa de Boimorto, Chus Novo e o alcalde de Vilasantar Fernando Pérez.
A todo o alumnado e profesorado asistente fíxoselle unha pequena presentación sobre o Gdr como asociación de asociacións, do que forman parte 70 entidades públicas e privadas dos nove concellos que integra (Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar). Ademais entregouse un exemplar do estudo a cada persoa, co que poderán traballar a partir de agora.
O estudo será repartido polo territorio nos próximos días, entre o alumnado da ESO, os concellos, bibliotecas e asociacións e cooperativas pertenecentes o GDR.
Quen así o desexe pode solicitar un exemplar a oficina do GDR.