igualdade
Manifesto do 8M, Día da Muller
Federación Española de Municipios e Provincias
O día 8 demarzo ten as súas raíces na loita das mulleres polos seus dereitos. En 1908, un grupo de mulleres traballadoras textís declarouse en folga en Nova York para protestar polas súas condicións laborais inhumanas e esixir mellores salarios, horarios e condicións de traballo. Esta folga foi unha importante precursora para os dereitos das mulleres.
Indubidablemente avanzouse moito, pero somos conscientes de que aínda queda moito por facer e os Concellos, Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares xogamos un papel esencial para lograr a igualdade real tan precisa que todos e todas desexamos.
No Día Internacional da Muller, as entidades locais comprometémonos a promover a igualdade de xénero en todas as áreas da sociedade. Recoñecemos que aínda existen desigualdades sistémicas que afectan ás mulleres nas nosas comunidades e comprometémonos a abordalas de xeito activo e efectivo, tendo especial sensibilidade con aquelas mulleres que máis complicado o teñen, como as que sofren unha discapacidade, mulleres migrantes, de diferentes etnias e mulleres que viven no mundo rural.
Non se pode progresar sen a metade da poboación, que son as mulleres, nin a costa delas. Tal como expresa Nacións Unidas, «a igualdade de xénero é o maior desafío actual en materia de dereitos humanos». Ademais, o progreso das mulleres é un factor que beneficia a toda a sociedade.
Reafirmamos o noso compromiso cos dereitos humanos de todas as mulleres e nenas, incluíndo o dereito á igualdade, á autonomía sobre os seus corpos e decisións e á eliminación de todas as formas de violencia e discriminación baseadas no xénero. Por iso, comprometémonos a cumprir as medidas implementadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. É imprescindible renovar o gran logro social e político que supuxo dito pacto e xuntar esforzos e incrementar recursos de prevención para atender ás mulleres vítimas das violencias de xénero.
Comprometémonos a implementar políticas e programas que promovan a igualdade de xénero no acceso á educación, o emprego, a saúde, a participación política e a toma de decisións en todos os niveis.
Instamos a todas as etidades locais a adoptar medidas concretas para alcanzar a paridade na toma de decisións e acabar coa fenda salarial de xénero, terminar coa parcialidade involuntaria á que se ven abocadas as mulleres, garantir a representación equitativa de mulleres en todos os ámbitos da vida pública e promover unha contorna segura e respectuosa para todas as mulleres e nenas. É imprescindible fomentar os servizos de coidados dende o público para facilitar que a maternidade non penalice ás mulleres no mercado laboral, porque sobre elas recae o peso dos coidados.
Facemos un chamamento á acción ás nosas comunidades para que se unan en solidariedade coas mulleres de todo o mundo e traballen xuntas para crear un futuro máis xusto e igualitario para todas as persoas, independentemente do seu xénero. As políticas de igualdade deben ser transversais e impregnar o conxunto das nosas actuacións.
Dende o ámbito local comprometémonos a seguir impulsando os avances que logren alcanzar unha sociedade mellor, máis equitativa e, en definitiva, máis democrática.
Xuntas e xuntos podemos construír un mundo onde todas as mulleres e nenas poidan vivir libres de discriminación e violencia e acadar a igualdade real!
igualdade, Novas
? Manifesto do Concello de Vilasantar polo Día Internacional da Muller ?
Dende fai anos, cada 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres pola igualdade real de xéneros, pola súa liberdade para desenvolverse como persoas individuais e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, a economía e a política. Un ano máis, o Concello de Vilasantar celebra cada avance en prol da igualdade entre homes e mulleres e nos comprometemos a seguir traballando para facela posible.
O Día Internacional da Muller é unha xornada para festexar todo o camiño percorrido, todos os avances logrados, pero tamén para fixar novos obxectivos que faciliten esa tan ansiada igualdade real. Somos moi conscientes de que o esforzo das mulleres por reivindicar o seu valioso rol nos espazos públicos e privados debe ir da man do esforzo institucional, e na administración local contan cunha aliada incondicional. Non en balde, das 29 persoas que conforman o persoal do noso concello, 26 son mulleres.
Vilasantar é un concello rural, onde as mulleres son un piar fundamental en cada faceta. Nos traballos da agricultura e gandaría, nas empresas, nos coidados, na educación, na administración, en cada unha das nosas casas… As mulleres son o sostén da sociedade e é o noso deber apoialas en cada emprenda que acometan.
A loita pola igualdade real entre homes e mulleres é cousa de todos e todas, e o Concello de Vilasantar, como entidade local e máis próxima a cada familia, porá todo da súa parte para lograr acabar con cada discriminación e desigualdade e gozar dunha sociedade na que cada muller e cada home, cada nena e cada neno, teñan as mesmas oportunidades.
Hoxe, 8 de marzo de 2023, e cada día de cada ano, dende o Concello de Vilasantar loitaremos pola igualdade e apoiaremos ás nosas mulleres e nenas no camiño que percorremos todas e todos da man.