Cultura, Novas
Exposición fotográfica ‘Unha ollada á historia de Vilasantar»
A finais do ano pasado pedimos á veciñanza que nos cedera fotografías antigas para realizar un almanaque histórico do 2023. Foi todo un éxito e recibimos moitísimas imaxes, máis das que cabían no almanaque! Pero queriamos compartilas todas con vós, así que decidimos facer unha exposición con todas.
Quixemos crear unha experiencia familiar e próxima, para que podades sentir as fotografías e memorias como vosas. Por iso fixemos un álbum fotográfico. Para achegar a experiencia a todos e todas, optamos por instalar a exposición nos locais sociais das sete parroquias, así que estará unha semana en cada un.
- Local social de Mezonzo: do 31 de marzo ao 6 de abril. Pedir as chaves no bar Priorato a fin de semana e de luns a venres a partir das 17.00 h e na casa do concello por semana.
- Local social de Présaras: do 7 ao 13 abril. Pedir as chaves no bar A Bodeguilla.
- Local social de Armental: do 14 ao 20 de abril. Pedir as chaves na casa de Carmen de Eirixe.
- Local social de Barbeito: do 21 ao 27 de abril. Pedir as chaves na taberna Cotos.
- Local social de Vilariño: do 28 de abril ao 4 de maio. Pedir as chaves na taberna de Bugallo.
- Local social de San Vicente: do 5 ao 11 de maio. Pedir as chaves na taberna San Vicente.
- Local social de Vilasantar: do 12 ao 18 de maio. Pedir as chaves no bar Lodeiro.
Queremos agradecer de corazón a todas as persoas que nos prestáchedes as vosas memorias a través das fotografías e esperamos que desfrutedes da exposición.
Novas
Aberta a preinscrición para o campamento de Semana Santa
O campamento de Semana Santa terá lugar os días 3, 4, 5 e 10 de abril no CEIP de Présaras, de 10:00 a 14:00 h. O prazo de preinscrición está aberto ata o 30 de marzo entregando as follas de inscrición nas dependencias municipais ou no colexio.
O campamento está destinado a nenas e nenos escolarizados de tres a doce anos e as prazas asignaranse por estrito orde de inscrición, dando prioridade aos empadroados no Concello de Vilasantar. As faltas de asistencia non xustificadas poderán ser causa de baixa no servizo. Recomendamos levar auga e un aperitivo saudable para tomar a media mañá.
Máis información chamando ao 981 77 81 69
Axudas, Cultura
Rede Cultural do ano 2023
Xa están publicadas as bases reguladoras do programa de Rede Cultural da Deputación da Coruña do ano 2023.
O prazo de solicitude remata o 31 de marzo de 2023 ás 14:00 h.
Finánciase o desenvolvemento de catro programas específicos:
- Escena ao vivo: programación profesioanl de teatro, monicreques, maxia e danza para concellos.
- Visións: programación profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos.
- Alicerce: programación de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades sen ánimo de lucro.
- Lingua a escena: espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos.
O período de realización dos espectáculos é durante todo o ano 2023 e ata o día 31 de marzo de 2024.
As entidades sen ánimo de lucro poden realizar a súa solicitude a través do programa Alicerce e só poden solicitar un espectáculo (música, danza ou teatro).
A cantidade de financiamento é a seguinte:
- A Deputación financia o 75% do importe do espectáculo para concellos.
- A Deputación financia entre o 30% e o 50% do importe do espectáculo para o caso de entidades.
A consulta dos espectáculos faise na páxina web da Deputación da Coruña, www.dacoruna.gal, dentro do apartado de Cultura ,e dentro deste, en Rede Cultural.
Para facer a solicitude é preciso contar con certificado dixital e farase a través da Subtel da Deputación da Coruña.
Máis información: Departamento de Cultura do Concello (preguntar por Trini) e no BOP do 20 de xaneiro de 2023 (nº 14).
igualdade, Novas
? Manifesto do Concello de Vilasantar polo Día Internacional da Muller ?
Dende fai anos, cada 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres pola igualdade real de xéneros, pola súa liberdade para desenvolverse como persoas individuais e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, a economía e a política. Un ano máis, o Concello de Vilasantar celebra cada avance en prol da igualdade entre homes e mulleres e nos comprometemos a seguir traballando para facela posible.
O Día Internacional da Muller é unha xornada para festexar todo o camiño percorrido, todos os avances logrados, pero tamén para fixar novos obxectivos que faciliten esa tan ansiada igualdade real. Somos moi conscientes de que o esforzo das mulleres por reivindicar o seu valioso rol nos espazos públicos e privados debe ir da man do esforzo institucional, e na administración local contan cunha aliada incondicional. Non en balde, das 29 persoas que conforman o persoal do noso concello, 26 son mulleres.
Vilasantar é un concello rural, onde as mulleres son un piar fundamental en cada faceta. Nos traballos da agricultura e gandaría, nas empresas, nos coidados, na educación, na administración, en cada unha das nosas casas… As mulleres son o sostén da sociedade e é o noso deber apoialas en cada emprenda que acometan.
A loita pola igualdade real entre homes e mulleres é cousa de todos e todas, e o Concello de Vilasantar, como entidade local e máis próxima a cada familia, porá todo da súa parte para lograr acabar con cada discriminación e desigualdade e gozar dunha sociedade na que cada muller e cada home, cada nena e cada neno, teñan as mesmas oportunidades.
Hoxe, 8 de marzo de 2023, e cada día de cada ano, dende o Concello de Vilasantar loitaremos pola igualdade e apoiaremos ás nosas mulleres e nenas no camiño que percorremos todas e todos da man.



