Cultura, Novas
Exposición fotográfica ‘Unha ollada á historia de Vilasantar»
A finais do ano pasado pedimos á veciñanza que nos cedera fotografías antigas para realizar un almanaque histórico do 2023. Foi todo un éxito e recibimos moitísimas imaxes, máis das que cabían no almanaque! Pero queriamos compartilas todas con vós, así que decidimos facer unha exposición con todas.
Quixemos crear unha experiencia familiar e próxima, para que podades sentir as fotografías e memorias como vosas. Por iso fixemos un álbum fotográfico. Para achegar a experiencia a todos e todas, optamos por instalar a exposición nos locais sociais das sete parroquias, así que estará unha semana en cada un.
- Local social de Mezonzo: do 31 de marzo ao 6 de abril. Pedir as chaves no bar Priorato a fin de semana e de luns a venres a partir das 17.00 h e na casa do concello por semana.
- Local social de Présaras: do 7 ao 13 abril. Pedir as chaves no bar A Bodeguilla.
- Local social de Armental: do 14 ao 20 de abril. Pedir as chaves na casa de Carmen de Eirixe.
- Local social de Barbeito: do 21 ao 27 de abril. Pedir as chaves na taberna Cotos.
- Local social de Vilariño: do 28 de abril ao 4 de maio. Pedir as chaves na taberna de Bugallo.
- Local social de San Vicente: do 5 ao 11 de maio. Pedir as chaves na taberna San Vicente.
- Local social de Vilasantar: do 12 ao 18 de maio. Pedir as chaves no bar Lodeiro.
Queremos agradecer de corazón a todas as persoas que nos prestáchedes as vosas memorias a través das fotografías e esperamos que desfrutedes da exposición.
Cultura, Novas
«A ollada de Gustav» póusase en Vilasantar!
«A ollada de Gustav» é un proxecto multidisciplinar que conxuga pasado e presente; unha acción transversal facilitadora para que as poboacións pequenas poidan desfrutar de actividades que as poñan en valor. Unha xeración de sinerxias que aglutinan diferentes creadores , divulgadoras e artistas que exploran o seu amor por Galicia en todos os seus actos.
Exposición «Coreografías do facer: imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen»
Comisariada polo Museo do Pobo Galego
- Do 22 de xaneiro ao 22 de febreiro na casa do Concello.
- Inauguración o domingo 22 de xaneiro ás 11:00 h.
Charla divulgativa «Etnomedicina e tradicións populares»
Charla e vieiro polos espazos do concello guiado por María das Herbas, María Moure.
- Domingo 22 de xaneiro ás 11:30 h.
Que é «A ollada de Gustav»?
Gustav Henningsen visitou Galicia en 1965 enviado por Julio Caro Baroja para facer un estudo etnográfico sobre as crenzas encol da bruxaría no noso país. Durante os seguintes vinte meses, este investigador desenvolveu un intenso traballo de campo por todo o país e no occidente de Asturias, deténdose de xeito especial nas terras de Ordes.
A recollida fotográfica e gravacións do antropólogo danés nos anos sesenta é unha das máis reveladoras intervencións feitas sobre o noso acervo cultural .