Novas
Limpeza obrigatoria de franxas secundarias para previr incendios
De conformidade co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no Decreto 124/2021, do 29 de setembro, recórdase á veciñanza a obrigatoriedade de manter limpas e xestionadas as franxas secundarias de biomasa arredor das vivendas, núcleos de poboación e instalacións. Afecta aos predios situados:
- A menos de 50 metros das edificacións, vivendas illadas, instalacións industriais, equipamentos ou depósitos de combustible.
- Dentro do perímetro delimitado como “área de xestión obrigatoria de biomasa”.
As persoas propietarias deberán limpar a vexetación espontánea, cortar árbores e eliminar especies pirófitas (como eucalipto, piñeiro ou acacias) no prazo máximo establecido pola normativa, antes do 31 de maio de 2026.
A franxa de seguridade deberá manterse sen mato nin combustible fino (herbas, silvas, restos secos) e as árbores deberán respectar as distancias mínimas en relación coas vivendas e entre elas.
Execución subsidiaria e sancións
De non cumprirse esta obriga no prazo indicado, o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria dos traballos, repercutindo o custo ás persoas propietarias, sen prexuízo das sancións que poidan impoñerse conforme á lexislación vixente.
Recoméndase a todas as persoas afectadas que revisen as súas parcelas e realicen as tarefas de limpeza o antes posible, evitando así riscos e sancións administrativas.
Ofertas de Emprego
Convocatoria de dúas prazas fixas de Auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar polo sistema de oposición en quenda libre
Resolución de 13 de marzo de 2026, do Concello de Vilasantar, referente á convocatoria para prover varias prazas. No «Boletín Oficial da Provincia de A Coruña» número 45, do 9 de marzo de 2026, publicáronse as bases que rexirán a convocatoria para prover:
– Dúas prazas de Auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar do plantel de persoal laboral fixo, polo sistema de oposición, en quenda libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a contar dende o seguinte ao da publicación desta resolución no «Boletín Oficial do Estado».
Os sucesivos anuncios referentes a esta convocatoria, cando procedan de conformidade coas bases, faranse públicos na forma prevista nas propias bases.
Axudas
AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA A ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, CONFEDERACIÓNS, FEDERACIÓNS OU UNIÓNS DE ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS, COMUNIDADES DE USUARIOS DE AUGAS E ASOCIACIÓNS DE MULLERES RURAIS DE GALICIA (PR487A), PARA O ANO 2026
OBXECTO: os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
BENEFICIARIOS: as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Prazo de solicitude ata o 20 de abril de 2026.
REQUISITOS:
1. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.
2. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.
3. Non se admitirán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.
CUANTÍA: A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1. obras) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2. equipamentos).
Considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a. Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b. Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
Publicación: Diario Oficial de Galicia do día 18-03-2026, nº 52



