Cultura, Novas
I Certame de pintura rápida “Xosé Casal”
O Concello de Vilasantar convoca o primeiro certame de pintura rápida “Xosé Casal” de acordo ás seguintes bases:
- O Certame celebrarase o 7 de maio de 2023.
- Poderanse presentar ao certame as persoas maiores de 18 anos, profesionais ou aficionados, que presenten a súa solicitude o día do certame na casa do concello.
- Cada artista poderá participar cun máximo dunha obra realizada o día do certame.
- A inscrición e selado dos soportes realizarase na casa do concello, o día 7 de maio, entre as 09:00 e as 12:00 horas da mañá.
- O tema obrigado será a contorna de Vilasantar; paisaxes, xentes e costumes. A organización facilitará un plano delimitando as zonas dentro das que se situarán os participantes, pintando neses lugares (zona urbana de Vilasantar, Mezonzo e ruta dos muíños).
- A organización selará a cada participante o soporte, aportado polo artista, que se presentará en branco, sen manipular. As medidas do soporte serán dun tamaño mínimo de 60×81 cm e máximo de 100×81 cm.
- As obras poderanse realizar en calquera técnica: óleo, acrílico, acuarela, etc. O artista virá provisto de todo o material preciso para a execución da súa obra, incluído o cabalete para expor a pintura realizada.
- As obras realizadas serán presentadas para a súa exposición sen asinar entre as 16:00 e as 17:00 horas no lugar designado pola organización.
- O xurado estará composto por persoas cualificadas e profesionais do mundo da arte e a súa decisión será inapelable. O xurado poderá declarar deserto o premio se non alcanzan as obras unha calidade suficiente ao seu criterio.
- O xurado valorará as obras presentadas entre as 17:00 e as 18:00 horas, e entregaranse os premios a partir desa hora. A súa decisión será inapelable.
- Establécense os seguintes premios:
- Primeiro premio, patrocinado polo Concello de Vilasantar: 1.000 € e diploma.
- Segundo premio, patrocinado por Losán: 600 € e diploma.
- Terceiro premio, patrocinado por GSV Agro: 400 € e diploma.
- Cuarto premio, patrocinado por Bacalaos Boado : 300 € e diploma.
- Quinto premio, patrocinado por Pintores de Galicia: 300 € e diploma
- A obra agraciada co primeiro premio pasará a ser propiedade da organización, así como o dereito á súa reprodución, exposición ou calquera outro uso que da mesma desexe facer. O resto das obras premiadas pasarán a ser propiedade dos patrocinadores.
- As obras non premiadas serán expostas ao público tras a decisión do xurado. Poderanse poñer á venda ao público asistente.
- A organización non se responsabiliza das perdas ou danos que puideran sufrir as obras, que estarán coidadas e protexidas en todo momento.
A sinatura da solicitude de participación supón unha declaración de coñecemento das bases e compromiso de cumprimento das mesmas. A solicitude deberá acompañarse dunha fotocopia do DNI da persoa solicitante.
Os datos e a información incluída nas solicitudes serán tratados de conformidade co establecido na lexislación vixente en materia de protección e tratamento de datos persoais (Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento).
Para calquera consulta: Concello de Vilasantar, 981 77 81 69 ou comunicacion@comunicacion
Cultura, Novas
Exposición fotográfica ‘Unha ollada á historia de Vilasantar»
A finais do ano pasado pedimos á veciñanza que nos cedera fotografías antigas para realizar un almanaque histórico do 2023. Foi todo un éxito e recibimos moitísimas imaxes, máis das que cabían no almanaque! Pero queriamos compartilas todas con vós, así que decidimos facer unha exposición con todas.
Quixemos crear unha experiencia familiar e próxima, para que podades sentir as fotografías e memorias como vosas. Por iso fixemos un álbum fotográfico. Para achegar a experiencia a todos e todas, optamos por instalar a exposición nos locais sociais das sete parroquias, así que estará unha semana en cada un.
- Local social de Mezonzo: do 31 de marzo ao 6 de abril. Pedir as chaves no bar Priorato a fin de semana e de luns a venres a partir das 17.00 h e na casa do concello por semana.
- Local social de Présaras: do 7 ao 13 abril. Pedir as chaves no bar A Bodeguilla.
- Local social de Armental: do 14 ao 20 de abril. Pedir as chaves na casa de Carmen de Eirixe.
- Local social de Barbeito: do 21 ao 27 de abril. Pedir as chaves na taberna Cotos.
- Local social de Vilariño: do 28 de abril ao 4 de maio. Pedir as chaves na taberna de Bugallo.
- Local social de San Vicente: do 5 ao 11 de maio. Pedir as chaves na taberna San Vicente.
- Local social de Vilasantar: do 12 ao 18 de maio. Pedir as chaves no bar Lodeiro.
Queremos agradecer de corazón a todas as persoas que nos prestáchedes as vosas memorias a través das fotografías e esperamos que desfrutedes da exposición.
Novas
Aberta a preinscrición para o campamento de Semana Santa
O campamento de Semana Santa terá lugar os días 3, 4, 5 e 10 de abril no CEIP de Présaras, de 10:00 a 14:00 h. O prazo de preinscrición está aberto ata o 30 de marzo entregando as follas de inscrición nas dependencias municipais ou no colexio.
O campamento está destinado a nenas e nenos escolarizados de tres a doce anos e as prazas asignaranse por estrito orde de inscrición, dando prioridade aos empadroados no Concello de Vilasantar. As faltas de asistencia non xustificadas poderán ser causa de baixa no servizo. Recomendamos levar auga e un aperitivo saudable para tomar a media mañá.
Máis información chamando ao 981 77 81 69



