Novas
Campamento deportivo verán 2023
Xa está aberto o prazo de inscrición para os campamentos deportivos de verán 2023. Unha actividade da Deputación da Coruña para a rapazada de entre 9 e 14 anos de idade. A inscrición pódese realizar ata o 7 de xuño na casa do concello.
O Concello de Vilasantar está na segunda quenda, do 9 ao 14 de xullo. A saída será o domingo pola tarde, entre as 18:00 e as 19:30 h no IES Rosalía Mera (rúa Archer Milton Huntington, 24, A Coruña); e o regreso será o seguinte venres, entre as 16:00 e as 17:00 h.
A cota de inscrición é de 85 €, que se ingresarán unha vez sexa obtida a praza. O prezo inclúe transporte interno, estadía e manutención en residencia, ademais de todo gasto ocasionado nas actividades programadas.
Hai organizado un amplo programa de actividades deportivas e culturais: deportes náuticos, actividadaes ao aire libre, xornada de praia, actividades no centro, visitas culturais, deportivas e etnográficas.
Realizaranse actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais, ademais de visitas a centros de interese cultural da provincia da Coruña.
Cultura, Novas
Bota unha ollada a todas as obras do I Certame de pintura rápida Xosé Casal






























Cultura, Novas
Celebramos o Día das Letras Galegas co Mago Dani!
O melidense mago Dani Polo vén a Vilasantar no Día das Letras Galegas a abraiarnos co seu espectáculo «Enmaxiarte».
O mércores, 17 de maio, ás 17:00 h, no local social de Vilasantar. Non podes faltar!
Cultura, Novas
I Certame de pintura rápida “Xosé Casal”
O Concello de Vilasantar convoca o primeiro certame de pintura rápida “Xosé Casal” de acordo ás seguintes bases:
- O Certame celebrarase o 7 de maio de 2023.
- Poderanse presentar ao certame as persoas maiores de 18 anos, profesionais ou aficionados, que presenten a súa solicitude o día do certame na casa do concello.
- Cada artista poderá participar cun máximo dunha obra realizada o día do certame.
- A inscrición e selado dos soportes realizarase na casa do concello, o día 7 de maio, entre as 09:00 e as 12:00 horas da mañá.
- O tema obrigado será a contorna de Vilasantar; paisaxes, xentes e costumes. A organización facilitará un plano delimitando as zonas dentro das que se situarán os participantes, pintando neses lugares (zona urbana de Vilasantar, Mezonzo e ruta dos muíños).
- A organización selará a cada participante o soporte, aportado polo artista, que se presentará en branco, sen manipular. As medidas do soporte serán dun tamaño mínimo de 60×81 cm e máximo de 100×81 cm.
- As obras poderanse realizar en calquera técnica: óleo, acrílico, acuarela, etc. O artista virá provisto de todo o material preciso para a execución da súa obra, incluído o cabalete para expor a pintura realizada.
- As obras realizadas serán presentadas para a súa exposición sen asinar entre as 16:00 e as 17:00 horas no lugar designado pola organización.
- O xurado estará composto por persoas cualificadas e profesionais do mundo da arte e a súa decisión será inapelable. O xurado poderá declarar deserto o premio se non alcanzan as obras unha calidade suficiente ao seu criterio.
- O xurado valorará as obras presentadas entre as 17:00 e as 18:00 horas, e entregaranse os premios a partir desa hora. A súa decisión será inapelable.
- Establécense os seguintes premios:
- Primeiro premio, patrocinado polo Concello de Vilasantar: 1.000 € e diploma.
- Segundo premio, patrocinado por Losán: 600 € e diploma.
- Terceiro premio, patrocinado por GSV Agro: 400 € e diploma.
- Cuarto premio, patrocinado por Bacalaos Boado : 300 € e diploma.
- Quinto premio, patrocinado por Pintores de Galicia: 300 € e diploma
- A obra agraciada co primeiro premio pasará a ser propiedade da organización, así como o dereito á súa reprodución, exposición ou calquera outro uso que da mesma desexe facer. O resto das obras premiadas pasarán a ser propiedade dos patrocinadores.
- As obras non premiadas serán expostas ao público tras a decisión do xurado. Poderanse poñer á venda ao público asistente.
- A organización non se responsabiliza das perdas ou danos que puideran sufrir as obras, que estarán coidadas e protexidas en todo momento.
A sinatura da solicitude de participación supón unha declaración de coñecemento das bases e compromiso de cumprimento das mesmas. A solicitude deberá acompañarse dunha fotocopia do DNI da persoa solicitante.
Os datos e a información incluída nas solicitudes serán tratados de conformidade co establecido na lexislación vixente en materia de protección e tratamento de datos persoais (Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento).
Para calquera consulta: Concello de Vilasantar, 981 77 81 69 ou comunicacion@comunicacion
Cultura, Novas
Exposición fotográfica ‘Unha ollada á historia de Vilasantar»
A finais do ano pasado pedimos á veciñanza que nos cedera fotografías antigas para realizar un almanaque histórico do 2023. Foi todo un éxito e recibimos moitísimas imaxes, máis das que cabían no almanaque! Pero queriamos compartilas todas con vós, así que decidimos facer unha exposición con todas.
Quixemos crear unha experiencia familiar e próxima, para que podades sentir as fotografías e memorias como vosas. Por iso fixemos un álbum fotográfico. Para achegar a experiencia a todos e todas, optamos por instalar a exposición nos locais sociais das sete parroquias, así que estará unha semana en cada un.
- Local social de Mezonzo: do 31 de marzo ao 6 de abril. Pedir as chaves no bar Priorato a fin de semana e de luns a venres a partir das 17.00 h e na casa do concello por semana.
- Local social de Présaras: do 7 ao 13 abril. Pedir as chaves no bar A Bodeguilla.
- Local social de Armental: do 14 ao 20 de abril. Pedir as chaves na casa de Carmen de Eirixe.
- Local social de Barbeito: do 21 ao 27 de abril. Pedir as chaves na taberna Cotos.
- Local social de Vilariño: do 28 de abril ao 4 de maio. Pedir as chaves na taberna de Bugallo.
- Local social de San Vicente: do 5 ao 11 de maio. Pedir as chaves na taberna San Vicente.
- Local social de Vilasantar: do 12 ao 18 de maio. Pedir as chaves no bar Lodeiro.
Queremos agradecer de corazón a todas as persoas que nos prestáchedes as vosas memorias a través das fotografías e esperamos que desfrutedes da exposición.
Novas
Aberta a preinscrición para o campamento de Semana Santa
O campamento de Semana Santa terá lugar os días 3, 4, 5 e 10 de abril no CEIP de Présaras, de 10:00 a 14:00 h. O prazo de preinscrición está aberto ata o 30 de marzo entregando as follas de inscrición nas dependencias municipais ou no colexio.
O campamento está destinado a nenas e nenos escolarizados de tres a doce anos e as prazas asignaranse por estrito orde de inscrición, dando prioridade aos empadroados no Concello de Vilasantar. As faltas de asistencia non xustificadas poderán ser causa de baixa no servizo. Recomendamos levar auga e un aperitivo saudable para tomar a media mañá.
Máis información chamando ao 981 77 81 69
Axudas, Cultura
Rede Cultural do ano 2023
Xa están publicadas as bases reguladoras do programa de Rede Cultural da Deputación da Coruña do ano 2023.
O prazo de solicitude remata o 31 de marzo de 2023 ás 14:00 h.
Finánciase o desenvolvemento de catro programas específicos:
- Escena ao vivo: programación profesioanl de teatro, monicreques, maxia e danza para concellos.
- Visións: programación profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos.
- Alicerce: programación de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades sen ánimo de lucro.
- Lingua a escena: espectáculos profesionais de artes escénicas e música para concellos.
O período de realización dos espectáculos é durante todo o ano 2023 e ata o día 31 de marzo de 2024.
As entidades sen ánimo de lucro poden realizar a súa solicitude a través do programa Alicerce e só poden solicitar un espectáculo (música, danza ou teatro).
A cantidade de financiamento é a seguinte:
- A Deputación financia o 75% do importe do espectáculo para concellos.
- A Deputación financia entre o 30% e o 50% do importe do espectáculo para o caso de entidades.
A consulta dos espectáculos faise na páxina web da Deputación da Coruña, www.dacoruna.gal, dentro do apartado de Cultura ,e dentro deste, en Rede Cultural.
Para facer a solicitude é preciso contar con certificado dixital e farase a través da Subtel da Deputación da Coruña.
Máis información: Departamento de Cultura do Concello (preguntar por Trini) e no BOP do 20 de xaneiro de 2023 (nº 14).
igualdade, Novas
? Manifesto do Concello de Vilasantar polo Día Internacional da Muller ?
Dende fai anos, cada 8 de marzo conmemoramos a loita das mulleres pola igualdade real de xéneros, pola súa liberdade para desenvolverse como persoas individuais e a participación feminina en todas as esferas da sociedade, a economía e a política. Un ano máis, o Concello de Vilasantar celebra cada avance en prol da igualdade entre homes e mulleres e nos comprometemos a seguir traballando para facela posible.
O Día Internacional da Muller é unha xornada para festexar todo o camiño percorrido, todos os avances logrados, pero tamén para fixar novos obxectivos que faciliten esa tan ansiada igualdade real. Somos moi conscientes de que o esforzo das mulleres por reivindicar o seu valioso rol nos espazos públicos e privados debe ir da man do esforzo institucional, e na administración local contan cunha aliada incondicional. Non en balde, das 29 persoas que conforman o persoal do noso concello, 26 son mulleres.
Vilasantar é un concello rural, onde as mulleres son un piar fundamental en cada faceta. Nos traballos da agricultura e gandaría, nas empresas, nos coidados, na educación, na administración, en cada unha das nosas casas… As mulleres son o sostén da sociedade e é o noso deber apoialas en cada emprenda que acometan.
A loita pola igualdade real entre homes e mulleres é cousa de todos e todas, e o Concello de Vilasantar, como entidade local e máis próxima a cada familia, porá todo da súa parte para lograr acabar con cada discriminación e desigualdade e gozar dunha sociedade na que cada muller e cada home, cada nena e cada neno, teñan as mesmas oportunidades.
Hoxe, 8 de marzo de 2023, e cada día de cada ano, dende o Concello de Vilasantar loitaremos pola igualdade e apoiaremos ás nosas mulleres e nenas no camiño que percorremos todas e todos da man.
Cursos, Novas
Curso básico descentralizado de Protección Civil
Se queres formar parte da agrupación de voluntario de Protección Civil de Vilasantar, xa están convocados os cursos básicos descentralizados. O prazo de inscrición remata 10 de marzo.
Podes consultar toda a información na resolución do DOG: https://www.xunta.gal/…/AnuncioO3C2-150223-0001_gl.html
En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, podes dirixirte á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal.
Cultura, igualdade, Novas
Actividades polo Día Internacional da Muller: A Maga Fani en Vilasantar!
Na semana do Día Internacional da Muller, en Vilasantar achegamos á veciñanza o espectáculo de maxia da Maga Fani «Igualdade, onde estás?». O venres, 10 de marzo, ás 19:00 h, no local social de Vilasantar.
Somos un concello comprometido coa loita pola igualdade de xéneros e, aínda que o noso traballo para lograla é diario, con esta actividade queremos achegar a todas as xeracións dun xeito lúdico a importancia de seguir empurrando, todos e todas, para ter unha sociedade sen discriminacións nin desigualdades.



