Novas
Data límite para solicitar os cambios de titularidade na concentracíon parcelaria de San Vicenzo
A directora xeral de Desenvolvemento Rural estableceu o 𝟑𝟎 𝐝𝐞 𝐦𝐚𝐢𝐨 𝐝𝐞 𝟐𝟎𝟐𝟓 como data límite para solicitar cambios de titularidade dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de San Vicenzo de Curtis.
Deberase presentar ante o Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña:
- Solicitude cambio de titularidade.
- Escritura pública de transmisión da titularidade e liquidación do imposto correspondente.
Só se tramitarán as transmisións da propiedade dos predios de substitución íntegros. En todo caso, a persoa adquirente quedará subrogada na posición da anterior persoa titular, coas limitacións, deberes e obrigas que resulten do proceso.
actividades municipais, eventos
Festa dos maiores 2025
Se tes máis de 60 anos, xa te podes anotar para participar na festa dos maiores! Será o 21 de xuño, comezando cunha misa solemne na igrexa de Présaras ás 13:00 h, para a continuación desprazarnos ao pavillón de Présaras, onde comezará o xantar.
O menú consitirá en empanada de bonito, polbo á feira, xarrete de tenreira galega con patacas e verduras de guarnición, pastel de queixo e tarta de améndoas, café con gotas e augardente do Ulla, viño tinto e branco DO, refrescos e auga. A xornada estará amenizada polo dúo Os Trasnos.
As persoas empadroadas en Vilasantar maiores de 60 anos poderán acudir de xeito gratuíto, mentres que as non empadroadas con vivenda en Vilasantar terán que aboar 20 euros e as que non teñan casa, 30 euros.
Os pagos deberán efectuarse na conta de Abanca ES16 2080 0024 1931 1000 0012, especificando no concepto “Festa dos maiores 2024”, indicando nome, apelidos e DNI. Deberase entregar o xustificante de pago no momento de anotarse.
O día límite para confirmar a asistencia é o 13 de xuño e pódese facer chamando ao 981 778 169 ou na oficina do consistorio.
conciliación, Novas
Campamento de Semana Santa

13,14, 15 e 20 de abril
Lugar : Colexio Público de Présaras
ACTIVIDADE FINANCIADA POLA CONSELLERIA DE PROMOCION DO EMPREGO E IGUALDADE E POLO MINISTERIO DE IGUALDADE



- Ofertaranse de forma gratuíta prazas para nenos e nenas de tres a doce anos escolarizados.
- As prazas asignaranse por estrito orde de inscrición, dando prioridade os nenos e nenas empadroados no Concello de Vilasantar. Os non empadroados poderán participar cando queden prazas libres.
- As faltas de asistencia non xustificadas, no caso de existir lista de agarda, poderán ser causa de baixa no servizo.
- Lugar: o campamento terá lugar nas instalacións do CEIP de Présaras.
- Horario: de 10 horas a 14 horas.
- As follas de inscrición entregaranse nas dependencias municipais ou por sede electrónica
- Mais información no : 981 77 81 69
- E recomendable levar auga e un aperitivo saudable para tomar a media mañá.
Axudas
Rede Cultural da Deputación da Coruña
Beneficiarios: os concellos e as entidades sen ánimo de lucro (polo programa Alicerce), xuridicamente constituídas e que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
O prazo estará aberto dende o 18 de marzo ata o 1 de abril de 2025.
Poden solicitarse actuacións de música, de teatro, de bandas de gaitas, charangas, magos, danza, etc., tanto os concellos como as entidades sen ánimo de lucro (asociacións e comisións de festas constituídas).
A tramitación dos programas é telemática.
A data de realización dos espectáculos abrangue todo o ano 2025 e ata o 31 de marzo de 2026. As entidades sen ánimo de lucro poden solicitar as actuacións subvencionables pola Deputación entre un 50% ao 70%, polo programa Alicerce. Só poden solicitar unha actuación cada entidade.
Consulta os espectáculos no vínculo: https://www.dacoruna.gal/cultura/rede-cultural/
Para solicitar os espectáculos utiliza o vínculo da SUBTEL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/solicitudes
Consulta as Bases publicadas no BOP do día 16-01-2025
Novas
Declaración institucional da FEGAMP polo 8M
DEREITOS, IGUALDADE E APODERAMENTO PARA TODAS AS MULLERES E NENAS EN TODA A SÚA DIVERSIDADE
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) conmemora este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o compromiso do municipalismo cos dereitos das mulleres, cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local dende o pulo de medidas concretas que reforcen os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan protagonistas do seu propio presente.
Este ano facémolo baixo a lema “Dereitos, Igualdade e Apoderamento. Para todas as mulleres e nenas”, promovido desde ONU – Mulleres, facendo un chamado á acción para acadar a igualdade de dereitos e
oportunidades para todas as mulleres, e en especial as mulleres novas e as nenas, agora que se cumpren 30 anos de Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, adoptada por cento oitenta e nove gobernos durante a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, celebrada na capital chinesa.
En 1995 sentaron as bases para o avance dos dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo, desde a intervención as políticas, os programas e o investimento que teñen efecto na educación, a saúde, a paz, os medios, a participación política, o apoderamento económico e a eliminación da violencia que aínda padecen. Trinta anos despois segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas en tres áreas clave:
- Fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación.
- Promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas para acabar coas desigualdades.
- Impulsar o apoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderado e os espazos de toma de decisións.
Os concellos e deputacións galegas son conscientes da necesidade de avanzar na representación paritaria de mulleres e homes nas entidades locais. As mulleres seguen a padecer máis dificultades que os homes para desenvolver a súa actividade política local. Tense que seguir dando importantes avances nos liderados femininos para conseguir superar nos trescentos trece concellos galegos o 40% de alcaldesas (agora no 22%) como xa acontece coas concelleiras, que xa son o 40%.
No caso das presidencias das catro deputacións, o reto é que, no seguinte mandato, polo menos dúas conten cunha presidenta e que as deputadas provinciais tamén superen o 40% (agora no 36%).
Dende o municipalismo galego recoñécense estes avances en reforzo de todo o labor que aínda queda por desenvolver ata conseguir que as entidades locais sexan espazos onde a igualdade sexa unha realidade. Por iso, neste período ata as próximas eleccións, a FEGAMP en representación do municipalismo galego mantén o seu compromiso con:
- A promoción da participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas
corporacións e nas alcaldías. - A incorporación da perspectiva de xénero en todas as políticas e programas locais, garantindo que se tomen en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nas
nosas accións. - A aplicación de medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa de mulleres en todos os niveis e sectores laborais.
- A atención específica ás nenas e ás mulleres novas; ás mulleres do medio rural, e ás mulleres con discapacidade, para acadar as reivindicacións sinaladas nesta declaración institucional.
- O pulo de campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, dando apoio integral ás mulleres e as nenas vítimas e traballando na erradicación da violencia machista.
- A colaboración e coordinación das administracións locais, pola súa proximidade á cidadanía, coas administracións autonómica e estatal para prestar os servizos de calidade que permitan conseguir cidades e vilas libres de violencias machistas, onde a autonomía e independencia das mulleres sexa unha realidade presente.
actividades municipais, Novas
Xornadas de termalismo no Attica 21 de Vilalba
- O 18 de marzo: Vilasantar, Armental, Mezonzo e Barbeito.
- O 25 de marzo: Présaras, Vilariño, Armental e San Vicente.
Hai 30 prazas por día e a actividade ten un custo de 5 euros por persoa. Estas xornadas están dirixidas a persoas maiores de 60 anos ou con discapacidade, empadroadas no Concello de Vilasantar. As prazas adxudicaranse por orde de anotación e non se poderá escoller a data. As persoas que acudan deberán levar traxe de baño, gorro de piscina, zapatillas de goma e toalla.
Anótate chamando ao 981 77 82 57.
Novas
Declaración institucional: Día Mundial das Enfermidades Raras 2025
En Europa, as enfermidades raras afectan a menos de 5 de cada 10.000 habitantes. De media tárdase máis de 6 anos en lograr un diagnóstico en España, sendo maior a espera en adultos e mulleres, segundo o estudo “Determinantes do atraso diagnóstico” de 2022. Ademais, segundo a Organización Europea de Enfermidades Raras (EURORDIS), só o 6% das máis de 6.417 identificadas en Europa teñen tratamento. Este atraso e falta de tratamento ten un gran impacto nas persoas que conviven con estas enfermidades e as súas familias.
Estímase que entre o 6% e 8% da poboación mundial convive con este tipo de patoloxías. En termos xerais, calcúlase que son 300 millóns de persoas en todo o mundo, tres deles en España. Co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre a realidade das persoas que conviven con estas doenzas, o 28 de febreiro conmemórase o Día Mundial das Enfermidades Raras para impulsar unha mobilización mundial que permita poñelas na axenda pública.
No noso país esta acción está liderada pola FEDER, Federación Española de Enfermidades Raras, entidade que representa a 422 organizacións de pacientes. Así pois, preténdese poñer o foco nas persoas e no impacto que ten en cada unha delas convivir cunha enfermidade pouco frecuente e as barreiras que teñen que afrontar. Neste sentido, cómpre lembrar que detrás de cada campaña, cada necesidade, cad enfermidade e cada síntoma hai persoas e familias.
Estas enfermidades afectan a moi pouca poboación, polo que existe pouco coñecemento e experiencia para atendelas, pero en conxunto suman millóns de persoas. Na súa maioría, estas enfermidades aparecen na infancia, son xenéticas, graves, discapacitantes e poden poñer en risco a vida de quen convive con elas. Así mesmo, tardan de media máis de seis anos en ser diagnosticadas e para a maioría non existen aínda medicamentos, ademais de que a investigación é moi escasa.
Imaxinemos o que todo isto supón para unha familia que acaba de iniciar unha das viaxes máis apaixonantes da súa vida: ser proxenitores, traer unha nova vida ao mundo. Para todas as persoas que descobren xa de adultas que o que sofren é unha enfermidade da que case ninguén sabe nada, cuxa evolución e potencial impacto en diferentes ámbitos da súa vida resultan incertos. Para aquelas que un día amenceron cuns síntomas tan novos como descoñecidos que cambiarán a súa vida, traballo, parella, familia… para sempre. Ou para a comunidade profesional que afronta por primeira vez unha enfermidade sobre a que apenas hai literatura médica.
A conmemoración deste día é para todas elas e para as que pasarán por este proceso no futuro.
Para cambiar esta realidade, desde FEDER instan ás administracións competentes a:
– Establecer sistemas de incentivos fiscais que promovan a investigación e a declaración da investigación en enfermidades raras como acontecemento de excepcional interese público. Todo isto acompañado de accións para optimizar os recursos, evitando duplicidades, para o que hai que saber que e onde estase a investigar; dando continuidade a programas específicos que xa están en marcha, xerando coñecemento e facilitando a transferencia do coñecemento que se xera na investigación ás persoas. Para iso, é fundamental seguir impulsando tamén a información epidemiolóxica: rexistro poboacional e de pacientes, información sobre enfermidades raras e trastornos raros sen un diagnóstico determinado.
– Asegurar un acceso rápido e en condicións de equidade ás probas de diagnóstico, especialmente ás xenéticas, contando con profesionais que interpreten os datos, que informen axeitadamente ás familias e que os acompañen para que poidan dispoñer dun diagnóstico preciso. Para isto é fundamental a implantación da Medicina Personalizada e de Precisión cos recursos e profesionais axeitados.
– Lograr o acceso en tempo e condicións de equidade aos medicamentos autorizados en Europa e axilizar o proceso de financiamento.
Esta abordaxe das enfermidades raras desde estes tres eixos debe ir acompañada da incorporación da participación dos pacientes e das entidades que os representan nas decisións que lles afectan, así como dunha visión transversal e social, incorporando:
– A atención integral, humanizando a atención sanitaria, asegurando o acceso equitativo a servizos como rehabilitación funcional (logopedia, terapia ocupacional, fisioterapia…), así como a coidados paliativos pediátricos. Todo isto con especial atención á atención en saúde mental de pacientes e as súas familias, dispoñendo dunha atención sociosanitaria.
– Garantir o acceso aos servizos sociais, mellorando a valoración da discapacidade en tempo e identificando estratexias de coordinación sociosanitaria entre Sanidade e Servizos Sociais.
– Impulsando a inclusión social, educativa e laboral, tanto na aula, atendendo ás necesidades sociosanitarias do alumando e fortalecendo a formación do profesorado; poñendo tamén o foco na atención aos menores do Sistema de Protección á Infancia. Así como no ámbito laboral, superando entre outras as barreiras da xubilación anticipada e mellorando a prestación por coidado de fillos con enfermidades graves. Todo isto como forma de contribuír ao desenvolvemento pleno das persoas con enfermidades raras.
-Consolidando a formación especializada aos futuros profesionais de todos os ámbitos clínicos e sociais.
E, todo isto, unificado baixo o paraugas da actualización da Estratexia de Enfermidades Raras do Sistema Nacional de Saúde e a súa implantación a nivel autonómico; así como o noso compromiso de país no impulso dun Plan de Acción Europeo Integral e dunha futura resolución da OMS na materia.
Dende a FEDER instan ás institucións competentes a impulsar medidas dirixidas a promover a prevención das enfermidades raras, a investigación, o diagnóstico precoz e o tratamento, tanto farmacolóxico como mediante outros tipos de terapias, en tempo e condicións de equidade.






