Novas
Limpeza obrigatoria de franxas secundarias para previr incendios
De conformidade co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no Decreto 124/2021, do 29 de setembro, recórdase á veciñanza a obrigatoriedade de manter limpas e xestionadas as franxas secundarias de biomasa arredor das vivendas, núcleos de poboación e instalacións. Afecta aos predios situados:
- A menos de 50 metros das edificacións, vivendas illadas, instalacións industriais, equipamentos ou depósitos de combustible.
- Dentro do perímetro delimitado como “área de xestión obrigatoria de biomasa”.
As persoas propietarias deberán limpar a vexetación espontánea, cortar árbores e eliminar especies pirófitas (como eucalipto, piñeiro ou acacias) no prazo máximo establecido pola normativa, antes do 31 de maio de 2026.
A franxa de seguridade deberá manterse sen mato nin combustible fino (herbas, silvas, restos secos) e as árbores deberán respectar as distancias mínimas en relación coas vivendas e entre elas.
Execución subsidiaria e sancións
De non cumprirse esta obriga no prazo indicado, o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria dos traballos, repercutindo o custo ás persoas propietarias, sen prexuízo das sancións que poidan impoñerse conforme á lexislación vixente.
Recoméndase a todas as persoas afectadas que revisen as súas parcelas e realicen as tarefas de limpeza o antes posible, evitando así riscos e sancións administrativas.
Novas, sostibilidade, Xestión de residuos
Recollida de plásticos agrícolas
O día 2 de marzo a empresa encargada fará a recollida dos plásticos agrícolas. Para facer uso deste servizo é imprescindible anotarse ata o 26 de febreiro, chamando ao 981 778 169.
Os plásticos deberán estar debidamente atados en fardos. Estes plásticos almacenados e preparados para a súa recollida deberán ter a menor suciedade posible, procedente de terra, herba ou materia orgánica, e evitar conter outras materias impropias (tubaxes de pvc, garrafas, sacos big-bag, rodas…) que poden dificultar os traballos de reciclaxe e tratamento final de recuperación para novos usos. De non ser así, poderá ser rexeitada a recollida.
Os fardos deben de estar a disposición nun punto de fácil acceso para o camión de recollida.
actividades municipais, Novas
Entroido 2026: concurso de disfraces
O concurso de disfraces do Entroido 2026 no Concello de Vilasantar terá lugar o sábado 14 de febreiro, a partir das 17:00 horas, no pavillón polideportivo de Présaras.
Para participar é obrigatorio anotarse previamente chamando ao 981 778 169 ou o mesmo día do concurso, no horario comprendido entre as 16:00 horas e as 16:30 horas.
Establécense dúas categorías: comparsa ou grupo e individual ou dúo. Na primeira categoría, dun conxunto mínimo de tres persoas, os premios serán: 1º 200 euros, 2º 100 euros, 3º 50 euros. No tocante á segunda categoría os premios serán: 1º 100 euros, 2º 50 euros, 3º 25 euros.
O xurado terá en conta o vestiario, a maquillaxe e a estética, a orixinalidade, a creatividade, o traballo na elaboración dos disfraces, a organización e a posta en escena, participación e interacción co público, a simpatía e a animación. A valoración farase cunha puntuación de 0 a 5 puntos, sendo 0 a de menor valor e o 5 a de maior valor.
Establécese un tempo máximo de realización da posta en escena e espectáculo, que será de 4 minutos, transcorridos os cales a música e posta en escena será parada. O xurado terá potestade para resolver calquera dúbida que poida xurdir no desenvolvemento do concurso. Aqueles disfraces que pola súa temática resultan ofensivos, discriminatorios ou vexatorios, poderán ser excluídos da participación no desfile.
A decisión do xurado será inapelable e terá competencia para resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases. O xurado estará formado por tres membros non participantes no concurso, designados polo Concello, mediante Resolución da alcaldía.
Os participantes que precisen de música para a actuación ou representación do espectáculo deberana traer nun USB, e avisar no concello no momento de anotarse. A USB deberá vir claramente identificada, poñendo o propietario e o lema co que participa no concurso e só deberá conter o tema que van interpretar. Utilizarase un USB por cada participante que precise interpretar un tema. No caso de xurdir algún problema coa reprodución do arquivo, a música que se empregará será a que propoña a organización.
A entrega de premios terá lugar o mesmo día de celebración do concurso, unha vez feita a avaliación polo xurado, de maneira simbólica, xa que a efectividade do premio farase por transferencia bancaria.
Os premios poderán quedar desertos no caso de que non haxa participantes.
Para cobrar o premio os gañadores deberán designar un representante (nome, apelidos, DNI) e facilitar no concello un número de conta (con IBAN) a seu nome para facer efectivo o ingreso, xunto cunha fotocopia do DNI.
Este evento será gravado e fotografiado, e as fotos e imaxes poden ser publicadas nas redes sociais do Concello de Vilasantar e na súa páxina web. Os datos conservaranse mentres sexa necesario para cumprir coa finalidade prevista e durante os prazos de prescrición legais. Os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, revogación do consentimento e limitación ante o Concello de Vilasantar.
Novas
A administración cerca de ti
O persoal da Subdelegación do Goberno impartirá unha charla informativa para ensinar á cidadanía as posibilidades e ferramentas que proporciona a Administración electrónica. Tamén se ofrecerá a posibilidade de obter o certificado electrónico expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre in situ!
- Martes 3 de febreiro
- 11.00 h
- Local social de Présaras
actividades municipais, Novas
Curso de defensa persoal para mulleres
Dende o Concello de Vilasantaro organizamos un curso de defensa persoal para mulleres maiores de 16 anos ou menores con autorización.
- 7 de febreiro
- Local social de Présaras
- 10:00-13:00 h
Anótate chamando ao 981 77 82 57
Axudas, Novas
Axudas da Deputación da Coruña para asociacións veciñais e de mulleres para actividades de promoción económica no 2026
Axudas da Deputación a asociacións veciñais de concellos de menos de 5.000 habitantes e asociacións de mulleres da provincia da Coruña, para a realización de actividades de promoción económica no ano 2026 (DP0042A/2026)
Bases publicadas no BOP do día 5-01-2026. Extracto no BOP do día 15-01-2026
O obxecto da presente convocatoria destinarase á realización de actividades tendentes a dinamizar a participación, estimular a cohesión social, potenciar as condutas cívicas, favorecer a integración, loitar contra a despoboación rural, así como mellorar a calidade de vida das persoas, por parte das entidades sen ánimo de lucro que formen parte dos seguintes ámbitos:
Eixo 1: Dirixido ás asociacións veciñais de concellos de menos de 5.000 habitantes
Destinarase á realización de actividades por parte das asociacións veciñais de concellos de menos de 5.000 habitantes. Para os efectos desta convocatoria enténdese por actividade subvencionable todas
aquelas actividades de interese xeral no ámbito parroquial, municipal ou comarcal, tales como:
– Programas e metodoloxías de participación cidadá que faciliten a apertura de procesos participativos nos que poidan tomar parte veciños e veciñas dunha parroquia ou barrio concreto ou ben de todo o Concello.
Abrir espazos de debate, de intercambio de ideas ou elaboración de propostas, incorporando mecanismos de participación cidadá.
– Proxectos, programas e/ou actividades de lecer, formativas e educativas, valiosas para toda a cidadanía da parroquia, barrio ou concello, sen ser necesario ter a condición de socio/a para participar nelas (información e formación en condutas cívicas ou mellora de hábitos en relación coa contorna, talleres, cursos, conferencias, ou calquera outro formato que se considere oportuno) e que favorezan a participación activa da cidadanía na vida do Concello.
Eixo 2: Dirixido ás asociacións de mulleres
Destinarase á realización de actividades por parte das asociacións de mulleres:
– Programas e metodoloxías de participación cidadá que faciliten a apertura de espazos de socialización, espazos seguros nos que poidan tomar parte as mulleres co obxectivo de facilitar a súa participación social, económica e política na súa contorna. Abrir espazos de debate, de intercambio de ideas ou elaboración de propostas, incorporando mecanismos de participación cidadá.
– Proxectos, programas e/ou actividades, que fomenten o envellecemento activo e saudable, o coidado da saúde a promoción de hábitos de vida saudables e sostibles, compatibles coa conservación do entorno rural. Actividades de información e formación en condutas cívicas ou mellora de hábitos en relación coa contorna, talleres, cursos, conferencias, ou calquera outro formato que se considere oportuno e que favorezan a participación activa da cidadanía na vida do Concello.
– Proxectos, programas e/ou actividades encamiñadas ao empoderamento das mulleres,
ao fomento do emprendemento e ao fomento e consolidación do asociacionismo,
mediante a realización de actividades de difusión, formación ou acompañamento.
– Actividades de acompañamento e atención a mulleres en situación de vulnerabilidade ou
mulleres en risco de exclusión social.
– Actividades, programas encamiñados a loita contra a soidade non desexada,
especialmente para facilitar o acompañamento das mulleres maiores e con dificultades de
acceso aos servizos básicos.
Importe da subvención que se vai conceder: de 1.200 a 10.000 euros.
Prazo de solicitude: dende o 16-01-2025 ata o 16-02-2026, ás 14:00 horas.



