Axudas
AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA A ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, CONFEDERACIÓNS, FEDERACIÓNS OU UNIÓNS DE ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS, COMUNIDADES DE USUARIOS DE AUGAS E ASOCIACIÓNS DE MULLERES RURAIS DE GALICIA (PR487A), PARA O ANO 2026
OBXECTO: os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade veciñal ou sobre os cales a entidade solicitante ten un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
BENEFICIARIOS: as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Prazo de solicitude ata o 20 de abril de 2026.
REQUISITOS:
1. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.
2. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.
3. Non se admitirán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.
CUANTÍA: A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1. obras) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2. equipamentos).
Considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a. Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b. Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
Publicación: Diario Oficial de Galicia do día 18-03-2026, nº 52
actividades municipais, igualdade
Visita do CIM móbil ao Concello de Vilasantar.
- 24 de abril de 2026
- Diante da Casa do Concello
- De 10 a 13 h
O Centro de Información ás Mulleres móbil é un recurso especializado na atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero e outros colectivos vulnerables, asegurando un acceso ao servizo universal e sen barreiras e garantindo a igualdade de atención independentemente das circunstancias persoais ou sociais.
Os obxectivos deste servizo son:
- Levar atención psicolóxica, social e xurídica especializada aos territorios sen CIM.
- Informar, asesorar e acompañar de forma integral ás vítimas de violencia de xénero e sexual.
- Desenvolver accións de prevención e sensibilización comunitaria en diferentes espazos.
- Promover a igualdade de xénero e a diversidade LGBTI con campañas adaptadas a distintos públicos.
- Reforzar a coordinación entre recursos locais, autonómicos e universitarios.
O CIM móbil é un recurso aberto a toda a cidadanía, que permite a calquera persoa achegarse, informarse e coñecer os servizos dispoñibles.
Axudas, Cultura
REDE CULTURAL 2026
Beneficiarios: Concellos e entidades sen ánimo de lucro (polo programa Alicerce) xuridicamente constituídas que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
Prazo aberto ata o 20 de marzo de 2026 ás 14:00 h. Tramitación telemática.
Poden solicitarse actuacións de música, teatro, bandas de gaitas, charangas, magos, danza, etc. Data de realización dos espectáculos todo o 2026 e ata o 31 de marzo de 2027.
As entidades sen ánimo de lucro poden solicitar as actuacións subvencionables pola Deputación da Coruña entre un 30% e 70%, polo programa Alicerce. Só unha actuación por entidade.
Consulta os espectáculos: www.dacoruna.gal/cultura/rede-cultural/
Para solicitar os espectáculos emprega o vínculo SUBTEL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/solicitudes
Consulta as bases no BOP do día 19-12-2025.
actividades municipais
Campamento de Semana Santa en Vilasantar
Para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Terá lugar no CEIP de Présaras, do 30 de marzo ao 6 de abril, en horario de 10 a 14 h.
As follas de inscrición entregaranse nas dependencias municipais, por Sede Electrónica ou no colexio de Présaras. As prazas asignaranse por estrito orde de inscrición, dando prioridade os nenos e nenas
empadroados no Concello de Vilasantar. Os non empadroados poderán participar cando queden prazas libres.
As faltas de asistencia non xustificadas, no caso de existir lista de agarda, poderán ser causa de baixa no servizo.
Máis información no : 981 77 81 69
RECOMENDACIÓNS: levar auga e un aperitivo saudable para tomar a media mañá.
Actividade financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade.
actividades municipais
«Xornadas de Termalismo» no Attica21 de Vilalba
| Marzo 2026 |
| 10 de marzo – Vilasantar, Mezonzo, Barbeito |
| 17 marzo – Présaras, Vilariño Armental, San Vicente |
| Abril 2026 |
| 22 de abril – Présaras, Vilariño Armental, San Vicente |
| 29 de abril – Vilasantar, Mezonzo, Barbeito |
| Maio 2026 |
| 11 de maio – Vilasantar, Mezonzo, Barbeito |
| 18 de maio – Présaras, Vilariño Armental, San Vicente |
Anotación: 981 77 82 57
Número de prazas: 30 cada día
- As xornadas están dirixidas a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Vilasantar.
- As prazas adxudicaranse por orde de anotación. Non se poderá escoller data.
- As persoas que acudan deberán levar o seguinte material: traxe de baño, gorro de piscina, zapatillas de goma e toalla.


Novas, sostibilidade, Xestión de residuos
Recollida de plásticos agrícolas
O día 2 de marzo a empresa encargada fará a recollida dos plásticos agrícolas. Para facer uso deste servizo é imprescindible anotarse ata o 26 de febreiro, chamando ao 981 778 169.
Os plásticos deberán estar debidamente atados en fardos. Estes plásticos almacenados e preparados para a súa recollida deberán ter a menor suciedade posible, procedente de terra, herba ou materia orgánica, e evitar conter outras materias impropias (tubaxes de pvc, garrafas, sacos big-bag, rodas…) que poden dificultar os traballos de reciclaxe e tratamento final de recuperación para novos usos. De non ser así, poderá ser rexeitada a recollida.
Os fardos deben de estar a disposición nun punto de fácil acceso para o camión de recollida.
actividades municipais, Novas
Entroido 2026: concurso de disfraces
O concurso de disfraces do Entroido 2026 no Concello de Vilasantar terá lugar o sábado 14 de febreiro, a partir das 17:00 horas, no pavillón polideportivo de Présaras.
Para participar é obrigatorio anotarse previamente chamando ao 981 778 169 ou o mesmo día do concurso, no horario comprendido entre as 16:00 horas e as 16:30 horas.
Establécense dúas categorías: comparsa ou grupo e individual ou dúo. Na primeira categoría, dun conxunto mínimo de tres persoas, os premios serán: 1º 200 euros, 2º 100 euros, 3º 50 euros. No tocante á segunda categoría os premios serán: 1º 100 euros, 2º 50 euros, 3º 25 euros.
O xurado terá en conta o vestiario, a maquillaxe e a estética, a orixinalidade, a creatividade, o traballo na elaboración dos disfraces, a organización e a posta en escena, participación e interacción co público, a simpatía e a animación. A valoración farase cunha puntuación de 0 a 5 puntos, sendo 0 a de menor valor e o 5 a de maior valor.
Establécese un tempo máximo de realización da posta en escena e espectáculo, que será de 4 minutos, transcorridos os cales a música e posta en escena será parada. O xurado terá potestade para resolver calquera dúbida que poida xurdir no desenvolvemento do concurso. Aqueles disfraces que pola súa temática resultan ofensivos, discriminatorios ou vexatorios, poderán ser excluídos da participación no desfile.
A decisión do xurado será inapelable e terá competencia para resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases. O xurado estará formado por tres membros non participantes no concurso, designados polo Concello, mediante Resolución da alcaldía.
Os participantes que precisen de música para a actuación ou representación do espectáculo deberana traer nun USB, e avisar no concello no momento de anotarse. A USB deberá vir claramente identificada, poñendo o propietario e o lema co que participa no concurso e só deberá conter o tema que van interpretar. Utilizarase un USB por cada participante que precise interpretar un tema. No caso de xurdir algún problema coa reprodución do arquivo, a música que se empregará será a que propoña a organización.
A entrega de premios terá lugar o mesmo día de celebración do concurso, unha vez feita a avaliación polo xurado, de maneira simbólica, xa que a efectividade do premio farase por transferencia bancaria.
Os premios poderán quedar desertos no caso de que non haxa participantes.
Para cobrar o premio os gañadores deberán designar un representante (nome, apelidos, DNI) e facilitar no concello un número de conta (con IBAN) a seu nome para facer efectivo o ingreso, xunto cunha fotocopia do DNI.
Este evento será gravado e fotografiado, e as fotos e imaxes poden ser publicadas nas redes sociais do Concello de Vilasantar e na súa páxina web. Os datos conservaranse mentres sexa necesario para cumprir coa finalidade prevista e durante os prazos de prescrición legais. Os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, revogación do consentimento e limitación ante o Concello de Vilasantar.
Novas
A administración cerca de ti
O persoal da Subdelegación do Goberno impartirá unha charla informativa para ensinar á cidadanía as posibilidades e ferramentas que proporciona a Administración electrónica. Tamén se ofrecerá a posibilidade de obter o certificado electrónico expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre in situ!
- Martes 3 de febreiro
- 11.00 h
- Local social de Présaras
actividades municipais, Novas
Curso de defensa persoal para mulleres
Dende o Concello de Vilasantaro organizamos un curso de defensa persoal para mulleres maiores de 16 anos ou menores con autorización.
- 7 de febreiro
- Local social de Présaras
- 10:00-13:00 h
Anótate chamando ao 981 77 82 57



